O Clúster de Turismo de Galicia achegará prescriptores internacionais a Termatalia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Clúster de Turismo de Galicia colaborará con Termatalia na organización dun Fam Trip que facilitará a participación na feira de importantes operadores de turismo mundiais en turismo de saúde e de medios de comunicación especializados, procedentes tanto de mercados europeos como americanos. A través desta acción, o Cluster bríndalles aos seus socios a oportunidade de manter citas de negocio na Bolsa de Contratación Turística cos operadores adscritos a esta viaxe de familiarización e entre os que destacan algúns dos máis importantes do sector a nivel mundial, como é o caso de Mercury Healthcare de Estados Unidos, Weekendesk de Francia ou España Exclusiva de Holanda, entre outros. Os TT.OO. e medios de comunicación que van a participan nesta acción combinarán a súa presenza na Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se celebrará en Ourense entre o 24 e o 26 de setembro, coa visita a varios centros termais de Galicia e a destinos turísticos vinculados ao auga como a propia capital termal (Ourense), a Ribeira Sacra ou a illa da Toxa e tamén a Santiago de Compostela.

O Fam Trip organizado polo Clúster de Turismo de Galicia contempla a participación en Termatalia de Operadores de turismo de mercados de proximidade como é o caso de Portugal, Francia, Holanda e Reino Unido, e tamén do mercado americano como Estados Unidos ou Brasil. Os expositores da feira e, grazas a esta acción tamén os socios do Clúster, terán a posibilidade de comercializar as súas prazas termais ou de benestar ante operadores destacados que poderían atraer a Galicia a un importante número de turistas procedentes dos seus países de orixe.

Polo que respecta aos medios de comunicación elixidos para participar nesta acción, destaca Televisa de México, unha das principais empresas de comunicación a nivel mundial vinculadas ao entretemento. Televisa opera catro canles de televisión aberta na Cidade de México, produce e distribúe 25 marcas de televisión de pago para distribución en México e o resto do mundo, e exporta os seus programas e formatos a Estados Unidos e a outras canles de televisión en máis de 50 países. Tamén participará nesta acción Spa & Wellness Magazine de Turquía, a máis distribuída do sector neste país e en Oriente Medio e Turiviajar de Portugal, a principal televisión en liña relacionada co turismo no país veciño. 

Para pór en marcha esta acción, o Clúster conta co apoio de Fondos FEDER dentro do proxecto “Unha maneira de facer Europa”. Súmase así á lista de entidades que apoian a Termatalia como a única feira internacional de turismo de saúde de España, que exerce ademais de ponte termal entre Europa e América Latina, e cuxo obxectivo é  reforzar o intercambio de turistas internacionais entre varios continentes. 

O Clúster de Turismo de Galicia é unha agrupación de empresas galegas vinculadas ao sector turístico, ben como actividade principal ou complementaria. O seu obxectivo é constituírse como a Voz do Turismo, vertebrando unha oferta tan rica e diversa como a galega e promovendo actividades de colaboración que permitan mellorar a competitividade, a innovación e a internacionalización deste sector. O obxectivo final non é outro que o de potenciar a marca Galicia como destino turístico forte, diferenciado e situalo a escala global. Actualmente está conformado por 51 entidades que agrupan toda a cadea de valor do sector turístico e que se distribúen polo catro provincias galegas. Estas entidades, entre federacións, consorcios e asociacións provinciais e galegas representan o 90% do sector turístico de Galicia, agrupando a un total de 5.931 empresas, aínda que non estamos fronte a unha agrupación pechada posto que siegue aberta a máis incorporacións.

29 de xullo de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.