publicidade hoxe

O Clube Deportivo D10 de Outeiro de Rei destaca como modelo emprendedor sustentado nunha aposta pola eficiencia enerxética e o emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOuteiro de Rei
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe ao Clube Deportivo D10, situado no municipio lucense de Outeiro de Rei, como un modelo emprendedor sustentado nunha “aposta pola eficiencia enerxética como chave para a competitividade económica e o respecto ao medio ambiente”. Durante a inauguración das instalacións deportivas, enclavadas na parroquia de San Salvador de Mosteiro, Conde sinalou que con esta aposta o D10 “se suma a unha clara tendencia do tecido empresarial galego a apostar, co apoio da Xunta, polo aforro enerxético”.

Unha convicción que, indicou, se traduce na instalación dunha caldeira de biomasa para a xeración de enerxía térmica, “que suma na nosa Estratexia de Impulso á Biomasa e que poderá aproveitar a crecente industria de pellets que se está a desenvolver en Lugo”; na inclusión de instalacións de enerxía solar; e na elección de sistemas de leds para a iluminación das pistas.

Posto en marcha pos seis empresarios lucenses, Conde salientou que o proxecto permitiu crear 15 novos empregos en Outeiro de Rei de maneira directa, que se suman aos xerados durante a construción dunhas instalacións que suman 12 pistas de tenis e pádel, con 2 millóns de euros de investimento.

“Iniciativas como esta son, ante todo, xeradoras de emprego e de riqueza”, dixo Conde, que amosouse convencido de que o clube deportivo se configura como unha iniciativa capaz de xerar unha importante actividade económica na zona.

Conde salientou ademais que o proxecto, apoiado pola Xunta, ten tamén “unha vocación social de promover o deporte en familia”, poñendo o foco nos máis pequenos, previndo crear unha escola de alto rendemento de tenis para nenos, e organizando campamentos de verán, con clases de tenis, pádel, natación, excursións, e inglés.

28 de xullo de 2015 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.