O Centro Internacional de Excelencia Hidráulica de Vigo reforza o compromiso coa innovación e co desenvolvemento das renovables en Galicia

Conde no Centro Internacional de Excelencia Hidráulica
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o Centro Internacional de Excelencia Hidráulica de Vigo (CIEH) “reforza o compromiso de Gas Natural Fenosa coa innovación e o desenvolvemento das renovables en Galicia”. Conde inaugurou as novas instalacións do Centro, que ocupan 180 metros cadrados nunha “sede enclavada no mesmo corazón innovador de Vigo, o Citexvi”, e que, dixo, fai de Galicia “o laboratorio desde o que se incorporarán melloras en todas as instalacións hidráulicas e mariñas da empresa no mundo, impulsando a innovación enerxética mediante o traballo coas universidades e os centros tecnolóxicos”.
Conde subliñou que o centro supón traballo investigador para 76 persoas, así como a implementación de 25 proxectos en I+D+i, parte dos cales xa se teñen levado a cabo, cun investimento de 23 millóns ata o ano 2017. “É un esforzo que xa ten implicado ás tres universidades, ao Feuga, e ao centro tecnolóxico Energy Lab, ademais de a varias empresas líderes, que están a contribuír para facer da innovación enerxética galega un referente a nivel mundial no eido hidráulico”, incidiu o conselleiro.
Conde resaltou que o traballo do CIEH xa ten acadado éxitos cos primeiros proxectos que puxo en marcha, mellorando a vida útil das centrais hidroeléctricas en vinte anos, e reducindo o dano que lles causan factores externos e sinalou que se encadra dentro da alianza estratéxica entre a Xunta e a empresa para centralizar en Galicia a xestión das renovables.
“Unha alianza que xa nos permitiu colocar en Galicia tanto a xestión das renovables do grupo como, especificamente, os seus activos hidráulicos a nivel mundial”, situando á sede da Coruña, e ao Centro Unificado de Operación Hidráulica de Velle en Ourense, con 5,5 millóns de euros de investimento, como “os outros dos grandes piares desta renovada aposta de Fenosa por Galicia”.
Este esforzo complementa outras liñas de traballo innovadoras que a Xunta está a compartir con Gas Natural Unión Fenosa, sinalou o conselleiro, en referencia á Unidade Mixta de Investigación que, apoiada pola Xunta, lle está a permitir a Gas Natural Unión Fenosa, a través do traballo con Energy Lab, impulsar a investigación de novos procesos, sistemas e servizos tecnolóxicos en relación co uso de gas natural e biometano para aplicacións de mobilidade marítima (como barcos) e agraria (como tractores), xerando investimentos por 2,2 millóns de euros.











