O Centro de interpretación de Agrelo inaugúrase este sábado
Este sábado, 18 de xullo, a partir das 11 horas da mañá será o acto de inauguración do Centro de interpretación de Agrelo. Como complemento, Turismo de Bueu organiza unha ruta que sairá ás 9 horas do peirao de Beluso para chegar á inauguración do Centro, discorrendo pola primeira etapa do sendeiro do litoral. A duración da ruta será de dúas horas, e tras o remate da inauguración, os guías acompañarán aos participantes de regreso. Os que desexen participar poden anotarse na Oficina de Turismo, chamando ao 986324457 ou no correo turismo@concellodebueu.org.
Este centro, cuxas obras de rehabilitación se iniciaron a finais do 2014, era o antigo matadoiro municipal de Agrelo construído no ano 1955 que fora proxectado polos arquitectos Francisco de Castro e Pedro Alonso. Tamén foi usado durante moito tempo como sede da protección civil.
O Concello decidiu apostar por este centro como un complemento do de Cabo Udra,e que contribúe a ser un referente do Bueu costeiro, xa que permitirá vincular a edificación con todos os recursos naturais, económicos e culturais do noso municipio.











