O Centro de Iniciativas Empresarias de Ourense contará en setembro cun Punto de Atención ao Emprendedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Centro de Iniciativas Empresariais do Concello de Ourense contará cun Punto de Atención ao Emprendedor (PAE) a partires do mes de setembro. Este novo servizo virá da man dun convenio que suscribirán o Concello de Ourense e o Ministerio de Industria, Energía y Turismo.

Hoxe o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, no transcurso dun almorzo Networking con emprendedores que realizan a súa actividade no CIE, avanzou que as xestións realizadas polo concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, en Madrid ante o Ministerio de Industria empezan a dar o seu froito, xa que o Concello de Ourense contará cun Punto de Atención ao Emprendedor  no Centro de Iniciativas Empresariais. O pasado día 8 de xullo, o concelleiro de Promoción Económica e Cooperación Institucional, Jorge Pumar, mantivera unha reunión de traballo en Madrid con Antonio Fernández Ecker, subdirector xeral de apoio á peme da Dirección Xeral de Industria. Nesta reunión, nun completo clima de cooperación institucional, se estableceron as bases para o deseño e posta en marcha de políticas activas que redunden na xeración de emprego, o apoio á cultura emprendedora e ás pequenas e medianas empresas.

“Non era normal que a cidade de Ourense, contando coa infraestructura humana e material non dispuxese deste servizo”, sinala o concelleiro de Promoción Económica, lembrando ademáis que “isto era un compromiso electoral para favorecer o emprendimiento. No punto 80 do noso programa electoral anunciábamos que facilitaríamos, simplificaríamos e axilizaríamos os trámites administrativos para favorecer a creación de empresas”, recalca Jorge Pumar.

A dotación deste Punto de Atención ao Emprendedor foma parte dun plan municipal concebido para darlle máis valor e servizos ao Centro de Iniciativas Empresariais. Un centro no cal hai tres técnicos de emprego (que xestionarán o PAE), tres orientadores laborais e 9 niños de empresa. “Este novo servizo o complementa e revaloriza”, sinala o alcalde de Ourense.

“Calquera persoa que queira iniciar unha actividade empresarial, ben sexa de Autónomo, Sociedade Limitada,Sociedade Limitada Nova Empresa ou Comunidade de Bens, poderá acudir a asesorarse a este centro gratuitamente e nun prazo non superior de 48 horas terá a súa empresa constituída”, explica o alcalde, Jesús Vázquez.

Os Puntos de Atención ao Emprendedor (PAE) encárganse de facilitar a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de información, tramitación de documentación, asesoramiento, formación e apoio ao financiamento empresarial.

Estes centros deben asinar un convenio co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo para poder actuar como tales.

Os PAE apóianse no CIRCE (Centro de Información y Red de Creación de Empresas) para crear empresas, e en concreto nun dos compoñentes que o forman: o Sistema de Tramitación Telemática (STT). Neste sentido, cando un emprendedor opta por iniciar os trámites de creación dunha empresa desde un PAE, implícitamente está utilizando o sistema CIRCE.

O PAE ten unha dobre misión:

1. Prestar servizos de información e asesoramiento aos emprendedores na definición das súas iniciativas empresariais e durante os primeiros anos de actividade da empresa.

2. Iniciar o trámite administrativo de constitución da empresa a través do Documento Único Electrónico (DUE).

29 de xullo de 2015 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.