O Centro Comercial Arousa convoca o I Concurso de Arte Urbana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro Comercial Arousa pon en marcha a I edición do Concurso de Arte Urbana Centro Comercial Arousa, dirixido a impulsar e dinamizar o recoñecemento do grafiti como medio de expresión artística e a servir de plataforma para dar a coñecer as obras e o potencial dos creadores galegos e, en especial, de Vilagarcía e a súa contorna.

Os artistas interesados en participar deberán presentar a comunicacion@ccarousa.com un deseño en tamaña A4 e en formato dixital no que se destaque algún elemento da cultura, a paisaxe, o folclore, a forma de vida ou a gastronomía de Vilagarcía e a comarca de Arousa en xeral.

Un xurado nomeado polo centro comercial seleccionará entre todos os bosquexos presentados, os 14 máis orixinais e impactantes. Estes 14 finalistas terán de prazo, entre o 10 e o 14 de agosto, para desenvolver as súas obras no peche exterior do centro -concretamente no muro que bordea a saída do parking-, de tal maneira que este espazo se converta nunha exposición ao aire libre que contribúa a dar visibilidade á arte urbana, enxalzando así a súa valorar artístico, mellorando a experiencia de usuario, servindo como reclamo de visitantes e embelecendo, ao mesmo tempo, a estética da zona.

Unha vez finalizadas as 14 obras en competición, subirase unha fotografía de cada unha delas ao Facebook do centro comercial e serán os fans do centro nesta rede social quen, cos seus votos, decidan o nome do gañador do concurso, que será o autor do grafiti que máis votos reciba.

O gañador recibirá como premio un cheque regalo valorado en 300 euros para gastar nos establecementos do Centro Comercial Arousa.

O prazo para enviar as candidaturas, que poden ser individuais ou en grupo (crews), permanecerá aberto até o vindeiro venres 31 de xullo –as bases do concurso están dispoñibles na páxina web do centro www.ccarousa-.

1 de xullo de 2015 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.