O campo de traballo internacional do río Acheiro contará con voluntarios de diferentes países
O segundo campo de traballo internacional que o Concello da Laracha organizará e porá en marcha este verán coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado centrarase na posta en valor do río Acheiro e desenvolverase do 27 de xullo ao 5 de agosto.
O luns pola tarde está prevista a recepción oficial no Concello da Laracha aos voluntarios, mozos de entre 18 e 30 anos de idade que chegan procedentes de seis países diferentes: ademais de diversos puntos de España (Cantabria, Zaragoza e Huesca), tamén haberá participantes de Taiwan, Alemaña, Francia, México e dúas ucraínas que se incorporarán na xornada do mércores 29 de xullo
Igual que no primeiro campo de traballo que se realizou na Laracha neste verán (comezou o 15 de xullo e remata hoxe venres) e tivo como punto de actuación o río Bradoso, os voluntarios realizarán a labor específica de limpeza, acondicionamento e posta en valor da conca do río Acheiro durante as mañás, sempre dirixidos por monitores especializados. Pola tarde están programadas unha serie de visitas e actividades dirixidas a que os voluntarios coñezan o termo municipal da Laracha, outros lugares da Costa da Morte e as cidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
Durante a súa estancia no Concello da Laracha os voluntarios e os monitores aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida ( antigo hospital dos peregrinos de Montemaior).
Os mozos de entre 18 e 30 anos de idade que desexen participar como voluntarios, incluídos veciños da Laracha ou de calquera outro municipio da comarca de Bergantiños ou da Costa da Morte, aínda poden formalizar a súa inscrición poñéndose en contacto co Concello da Laracha á maior brevidade posible.











