publicidade hoxe

O Burela presenta a súa nova campaña de socios “preparados para a batalla”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

O salón de conferencias de Burela acolleu onte pola tarde-noite a presentación da Campaña de Socios/as 2015-16 do CD Burela FS Pescados Rubén ante unha notable afluencia de público coa estrea do spot da tempada que está a punto de comezar e sorteos, en primicia, das novas camisetas.

Baixo o chamamento E ti? Estás preparad@ para a batalla?, o vídeo laranxa 2015-16 amosa algunhas das marabillas da comarca da Mariña, do seu patrimonio natural e arquitetónico, unidas ás raíces históricas da bisbarra e de Burela, á idiosincrasia do pobo castrexo. Os equipos laranxas imbúense da paz e serenidade dos seus antergos, pero tamén da valentía e da bravura, para afrontar 2015-16, co apoio sempre incondicional da afección da Marea Laranxa.

Dende o club, queremos amosar un agradecemento moi especial ao clan Os Jabalís, sempiterno gañador dos Xogos Castrexos de Burela, pola súa colaboración no spot; ao xornalista de Radio Galega Toni López, por prestarnos a súa voz; e a Radio Burela, por cedernos o seu estudo de gravación.

Baixada de prezos

O club laranxa prepárase para a batalla 2015-16 con baixada de prezos nos abonos. O FAMILIAR redúcese de 150 a 140 euros, o INDIVIDUAL pasa de 90 a 75 euros, o XUBILADO mantense en 60 euros e créanse dúas modalidades para os máis novos, ABONO 25 (18-25 anos) 30 euros e ABONO 17 (0-17 anos) 10 euros. 

A entrada xeral, para non socios, tamén experimenta desconto, 10 euros para adultos e 5 para menores de idade.

Días do club máis baratos

Para os socios haberá dous Días do Club en Vista Alegre, con FC Barcelona (5 de decembro de 2015) e Movistar Inter (2 de abril de 2016), 5 euros/adulto e 1 euro/menores. Os prezos para o público xeral nestas dúas citas será de 15 euros para adultos e 5 para menores de idade, importe que tamén deberán asumir fronte a ElPozo Murcia (16 de abril de 2016 -gratuíto para socios-). 

31 de xullo de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.