O alcalde de Vilagarcía reitera a necesidade de dotar de máis medios de protección a Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno de Vilagarcía reitera a súa petición de que se dote de máis medios de protección á illa de Cortegada e de que se revisen os protocolos de actuación en casos como os rexistrados o pasado día 15. O equipo de Alberto Varela respecta pero non pode compartir as opinións expresadas pola directora xeral de Conservación da Natureza nunha visita a illa –visita na que se tratou de obviar calquera presenza municipal- no sentido de que os protocolos foron os correctos e os medios, tamén, ao tempo que tratou de minimizar o alí ocorrido.

“Eu estiven axudando a apagar o ‘conato’ que di a directora xeral, e, sen ser un experto, pareceume que intentar apagar un lume nun parque nacional con capachos non é o máis axeitado”, afirma o rexedor, que subliña que se non chega a ser pola rápida e decidida intervención dos veciños de Carril, Protección Civil e Bombeiros, e se o tempo e o vento chegan a ser outros, entonces “máis que de ‘conato’ seguramente teriamos que falar doutra cousa”.

Neste sentido, o alcalde lembra que a súa opinión non só é compartida polos técnicos municipais, senón polo propio delegado da Xunta de Galicia, a mesma que agora di a través dunha directora xeral xusto o contrario; polo director do Parque Nacional que, como el, tamén estivo a pe de ‘conato” ata a súa practica extinción; e probablemente pola inmensa maioría dos veciños de Carril, tanto os que se desprazaron á illa coma os que non.

En calquera caso, o goberno local insistirá ante todos os organismos competentes na necesidade de que a illa conte cos medios de prevención “in situ” que xa existen noutros parques nacionais, porque a illa de Cortegada é demasiado importante para non tratar de evitar que un día coincidan intencionalidade ou neglixencia con condicións meteorolóxicas adversas.

23 de xullo de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.