O alcalde de Vigo acusa á Marea de querer que peche PSA
O pleno de Vigo aprobou este luns o texto definitivo do convenio de colaboración entre o Concello e o Consorcio da Zona Franca (ZFV) para levar a cabo a ampliación de Balaídos. O contrato para levar a cabo o estudo foi asinado ao finalizar o pleno polo alcalde, Abel Caballero, a concelleira María José Caride, e os representantes da empresa adxudicataria.
Esta cuestión foi aprobada este luns cos votos a favor de PP e PSOE e en contra da Marea de Vigo, que xustificou esta decisión “non porque non -saiba- a importancia da planta de PSA en Vigo, senón porque -teñen- memoria e ningún practicamente dos investimentos garante a toma de decisións do grupo francés”.
Ademais, manifestou que a empresa ten o seu “nivel de emprego máis baixo”, o plan que presentou aos sindicatos “fala de deslocalización” e, “por moito que se adapte a cidade-, o grupo francés actúa por criterios de custo laboral e de oportunidade”. Igualmente, a Marea criticou que a ampliación “non debería ser cara a unha zona urbana habitada” e con todo vaise a “sacrificar outro barrio”.
No entanto, en declaracións aos medios posteriormente á firma, Caballero indicou que con este convenio dáse luz verde para levar a cabo o estudo do desenvolvemento dos 50.000 metros cadrados dos que vai dispor PSA Peugeot Citroën e que lle permitirán “optar a poder ter un vehículo adicional” á furgoneta K9.
Así as cousas, incidiu en que “ver a Marea dicir que quere que se peche Citroën en Vigo e oporse a esta decisión que toma o Goberno é un escándalo político como poucos escándalos políticos -se viron- nesta cidade”, ao que engadiu que “diga o que queira Marea, o concello garante Citroën, a súa continuidade, a súa expansión e 25.000 empregos no sector da automoción”.
PROXECTO “VITAL”
Segundo indicou Caballero, unha vez que conclúa o estudo, iniciarase a reforma da zona para a súa entrega a Citroën. “Con esta firma acabamos de conseguir que Citroën permaneza nesta cidade até o ano 2030, 2040 ou 2050, con niveis moito máis importantes de emprego e de actividade”, aseverou.
O grupo socialista concretou no pleno que con este plan o concello tramitará a expropiación de terreos, dos que será beneficiaria a Zona Franca de Vigo, e asesorará aos usuarios sobre a obtención de licenzas; mentres que a ZFV “comprométese a actuar como investidor privado e a executar a urbanización asumindo os custos”.
No pleno, os socialistas tamén cualificaron de “grave” que a Marea poña “en cuestión a importancia do desenvolvemento industrial de Vigo” e trasladaron a súa “total oposición e rexeitamento a esa formulación”. “Parece encantado de que Citroën se marchase de Vigo”, censuraron, antes de ratificar que “dentro da legalidade -van apoiar ao sector industrial”.
Pola súa banda, o Partido Popular, que puxo en relevo o traballo da delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, mostrou a súa satisfacción porque este tema, que estaba “paralizado, está a porse en marcha”, e sumouse a este proxecto “vital para a cidade” e que dá “os postos de traballo que necesita esta cidade”.











