O alcalde de Lalín participa na reunión informativa da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo

Reunión informativa
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o tenente alcalde, Nicolás González Casares, o edil de Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, e a concelleira Lara Rodríguez Peña, participaron esta tarde na reunión informativa convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que tivo lugar na Aula Cemit do Auditorio Municipal. Na xuntanza, que se desenvolveu de modo asembleario, os representantes das distintas organizacións agrarias que fundaron a plataforma explicaron, unha vez máis, a situación “crítica” do sector, que polos baixos prezos ameaza a supervivencia de miles de explotacións e familias galegas. Así mesmo, deron conta das diferentes medidas negociadoras que se están levando a cabo para solucionar a difícil situación dos gandeiros e aproveitaron para pedir o apoio dos demais sectores económicos así como dos diferentes grupos políticos e concellos da zona.
Neste senso, Rafael Cuíña insistiu en mostrar o maior respaldo por parte do Concello de Lalín e asegurou que dende o goberno que el encabeza “se facilitará calquera acción reivindicativa que queirades poñer en marcha”. A primeira destas accións que se desenvolverá no cabeceira comarcal dezá, terá lugar o 12 de agosto, día no que as organizacións agrarias teñen programada unha tractorada e unha manifestación polas rúas de Lalín coa que reivindicar uns prezos “dignos” para o leite. Como indicou o rexedor, o goberno local colaborará na organización loxística do acto e no seu desenvolvemento.











