publicidade hoxe

O alcalde de Brión anuncia unha nova estrutura municipal para mellorar a atención cidadá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión celebrou esta mañá o seu pleno de organización no que o alcalde, José Luís García, anunciou unha fonda restruturación do Concello de do Goberno municipal “que vai moito máis aló duns simples nomeamentos e que espero que permita cumprir tres obxectivos fundamentais: mellorar a atención e os servizos que reciben os nosos veciños e veciñas, ter un concello moito máis transparente e facilitar a participación construtiva de todos os grupos municipais na acción de Goberno”.

Así, a nivel de traballadores, García adiantou que xa está traballando en tres camiños: na modificación da Relación de Postos de Traballo, na actualización do convenio colectivo e nun acordo para regularizar as funcións do persoal laboral e funcionario do Concello de Brión. “Nun par de semanas llo presentaremos aos traballadores e despois tamén o daremos a coñecer tanto aos grupos municipais como aos medios de comunicación”, adiantou o alcalde brionés.

Catro áreas de Goberno 

E a nivel de Goberno, García adiantou que “pretendemos conformar un novo Goberno que responda ás demandas das veciñas e dos veciños de Brión. Ese é e será sempre o noso obxectivo principal: atender todas as demandas que nos plantexe a veciñanza con plena dedicación e responsabilidade”. Con este fin, o Goberno articularase arredor de catro áreas de actuación, dirixidas ben polo alcalde ou ben pola nova concelleira de Ensino, Cultura e Desenvolvemento Económico, Iolanda Bouzas. As áreas serán:

– Administración, Economía, Transparencia e Participación Cidadá

– Ordenación do Territorio, Medio Ambiente e Medio Rural

– Política Social

– Benestar e Desenvolvemento Comunitario

As dúas primeiras estarán coordinadas polo alcalde José Luís García e as outras dúas por Iolanda Bouzas. García explicou que “como dixen reiteradamente durante a campaña electoral, teño a sorte de contar cun equipo moi preparado, que aúna experiencia e novas ideas, e todos unidos por un desexo común: traballar arreo polo benestar dos veciños e veciñas de Brión. Esta nova organización do concello en 4 áreas nas que se integrarán as diferentes concellerías permitirá mellorar o funcionamento deste Concello e suporá tamén un aforro para as arcas municipais, algo que tamén nos reclaman dende a veciñanza”.

Neste sentido, José Luís García adiantou que renuncia á súa dedicación exclusiva como alcalde, xa que disporá dunha dedicación na Deputación da Coruña, onde se encargará da área de Promoción Económica e Emprego. García garantiu que “a miña dedicación a Brión seguirá sendo a mesma ca sempre, pero tamén é hora de ir dándolles máis responsabilidades a novas persoas aquí presentes. E estou convencido de que o farán extraordinariamente ben”.

Finalmente, García reiterou o seu convite á participación tanto do PP como do BNG no Goberno do municipio a través das novas Comisións Informativas que se crean en Brión. “Deste xeito conseguiremos unha maior transparencia na nosa xestión e os grupos da oposición terán un maior control da acción de Goberno e, cando menos iso é o que espero, terán tamén a oportunidade de aportar as súas achegas para o mellor desenvolvemento deste Concello”, explicou García.

Desenvolvemento do pleno

Tras a intervención de García, o pleno municipal aprobou todos os puntos da orde do día cos 10 votos a favor de PSOE e PP e coas 2 abstencións do BNG (salvo na delegación de competencias do pleno na Xunta de Goberno Local, que se aprobou por unanimidade). O voceiro do BNG, Xesús Pena Espiña, xustificou todas as abstencións en que era “dar un marxe de confianza” ao novo Goberno xa que “é a súa estrutura do Goberno. Esperamos que sexa eficaz e efectiva ao servizo dos veciños”. Pola súa banda, o voceiro do PP, José David García Arcos, considerou as novas propostas como “un paso adiante que non nos desgusta. Intentaremos exercer non só o labor de control senón tamén achegar cousas para o mellor funcionamento do Concello”. Algo que García agradeceu xa que “calquera idea que propoñan será escoitada e, se estamos de acordo, sairá adiante”.

Así, se acordou manter a mesma periodicidade das sesións ordinarias, que terán lugar os terceiros mércores dos meses pares ás 13:00 horas. Así mesmo, crearanse tres comisións informativas, todas elas presididas polo alcalde José Luís García:

– Administración, Economía, Transparencia e Participación Cidadán, que funcionará tamén como Comisión Especial de Contas. Estará composta por 3 concelleiros do PSOE (Iolanda Bouzas Alfonsín, José Pedro Cambón Fernández e María Guarina Rey Vázquez), 1 membro do PP e outro do BNG.

– Ordenación do territorio, Urbanismo, Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos básicos. Estará composta por 3 concelleiros do PSOE (José Luís Sampedro Bouzas, Francisco Javier Blanco Sánchez e María Rosa Romero Fariña), 1 membro do PP e outro do BNG.

– Política Social e Cultura . Estará composta por 3 concelleiros do PSOE (Iolanda Bouzas Alfonsín, María Guarina Rey Vázquez e María del Carmen Rey Túñez), 1 membro do PP e outro do BNG.

Dedicacións

O alcalde brionés tamén deu conta ao pleno do réxime de dedicacións exclusivas e parciais do Concello e dietas por asistencia a sesións de órganos colexiados. Así, José Luís García anunciou que renuncia á súa dedicación exclusiva (de 42.304 euros) xa que disporá dunha retribución da Deputación da Coruña. Mantéñense a dedicación exclusiva de 23.870 euros para a concelleira de Ensino, Cultura e Desenvolvemento Económico, Iolanda Bouzas; e a dedicación parcial para o concelleiro de Deportes, Música e Actividades Extraescolares, Jesús Quintela. Deste xeito, o custe anual do Goberno de Brión reducirase nun 136%, ao pasar dos 78.092 euros aprobados no 2011 aos 32.970 euros aprobados esta mañá.

As asistencias a plenos e a Xunta de Goberno Local quedan fixadas en 100 euros, mentres que as asistencias a comisións informativas fixáronse en 75 euros (cantidades que non cobrarán os membros con dedicación).

O novo Goberno estará composto por:

–  José Luís García, alcalde e con competencias exclusivas en materia de Urbanismo, Facenda, Transparencia e Participación cidadá

– Iolanda Bouzas Alfonsín, primeira tenente de alcalde e concelleira de Ensino, Cultura, Desenvolvemento Económico, Réxime Interior e Persoal.

– José Pedro Cambón Fernández, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade e Protección Civil.

– José Luís Sampedro Bouzas, terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural e Obras Públicas.

– Francisco Javier Blanco Sánchez, cuarto tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Básicos (abastecemento, iluminación e saneamento).

– María Guarina Rey Vázquez, concelleira de Novas Tecnoloxías e Emprego.

– María del Carmen Rey Túñez, concelleira de Maiores

– María Rosa Romero Fariña, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade

– Jesús Quintela Vázquez, concelleiro de Deportes, Música e Actividades Extraescolares.

Os catro tenentes de alcalde conformarán con Xosé Luís García a Xunta de Goberno Local, á que hoxe se volveron transferir as mesmas competencias ca na pasada lexislatura co respaldo unánime da corporación municipal. Por último, creáronse os tres grupos municipais da corporación: PSOE, con José Luís García como voceiro; PP, con José David García Arcos como voceiro; e BNG, con Xesús Pena Espiña como voceiro.

No que atinxe ao nomeamento dos representantes nos órganos colexiados, José Luís García representará ao Concello de Brión na Xunta de Goberno da Mancomunidade Serra do Barbanza, na Mancomunidade de Santiago e no Consorcio Galego de Benestar. Pola súa banda, Iolanda Bouzas asumirá a representación do Concello de Brión nos Consellos Escolares do CEIP de Pedrouzos, o IES Brión e as escolas unitarias da Luaña, Bastavales e Os Ánxeles. Así mesmo, o propio José Luís García, Iolanda Bouzas, Xesús Pena Espiña e José David García Arcos asumirán a representación do Concello de Brión na asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza.

Finalmente, a interventora municipal deu conta do informe de morosidade correspondente ao 1º trimestre de 2015, que fixa en 44,23 días o período medio de pago. Unha cifra que baixa ata os 26 días se se contabiliza dende que se aproba a factura ata que se abona. Así mesmo, a Interventora deu conta de que o Concello de Brión cumpre coa Regra de Gasto e co Principio de Estabilidade Orzamentaria, así como que cumpre co Plan de Saneamento.

17 de xullo de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.