O 22 de xullo comeza a aventura do Santiago Futsal en Xapón
O vindeiro mércores 22 de Xullo comezará a aventura internacional do Santiago Futsal da man das súas Escolas de Futsal en Xapón. Esta iniciativa, pioneira en Galicia nun club de fútbol sala, é unha gran aposta do club da capital galega para expandir e internacionalizar os seus métodos de traballo, seguidos e admirados en dito país.
Motonori Baba, director de formación do Santiago Futsal en Asia, xa se atopa no país nipón ultimando os preparativos da Escola Santiago Futsal Talent Proyect que comezará o 22 de Xullo en Techi Sasebo. O campus, que terá unha duración de 3 días, xa conta con 10 adestradores inscritos e máis de 30 participantes de categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil. A representación do Santiago Futsal na escola Santiago Futsal Talent Proyect virá da man de Santi Valladares, que asistirá ao evento e compartirá a experiencia xaponesa cos asistentes durante todo o campus.
O técnico do Santiago Futsal chegará a Xapón o día 17 de Xullo, e dende ese día acudirá a distintas xornadas técnicas por todo o país promocionando o fútbol sala e os métodos de traballo do Santiago Futsal. O día 18 asistirá a unha xornada técnica e o día 19 acudirá ao torneo de fútbol sala de categoría alevín ELIXE CUP en Shimabara,no que Santi Valladares apadrinará a un equipo e coñecerá, xunto con outros oficiais do país xaponés, o esforzo que se realiza en Xapón por difundir o deporte do fútbol sala.
Antes de asistir ao Campus Santiago Futsal Talent Proyect, o técnico santiagués compartirá unha sesión técnica con adestradores e xogadores locais de Sasebo, onde tamén acudirá a un adestramento coa selección de Nagasaki, dirixirida por Motonori Baba, e que competirá en vindeiras datas no Campeonato Pre-Nacional.
Trala celebración do Campus os días 22, 23 e 24 de Xullo, Santi asistirá a un dos últimos eventos previstos durante a súa estancia no país nipón. O día 25 celébrase o Campeonato Nacional de Fútbol Sala en Oita, que terá unha duración de 2 días, e ao que o adestrador do Santiago Futsal acudirá para brindar a súa experiencia deportiva e técnica aos participantes no torneo.
Desta maneira rematará a experiencia do técnico do Santiago Futsal en Xapón, aínda que a expansión do Santiago Futsal en Xapón continuará con Motonori Baba, que seguirá exercendo e formando a todos aqueles interesados nos métodos de traballo do Santiago Futsal no país nipón.











