Noriega lamenta que o PP busque un choque institucional na súa ausencia ás Medallas
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lamentou que o PPdeG busque un “choque institucional”, tras as críticas sobre a súa ausencia ás Medallas de Galicia de 2015. “Estou farto de determinadas actitudes ou de buscar conflitos onde non os hai”. Así, Noriega considerou que hai “mala fe” nas declaracións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e do portavoz do PP no Concello, Agustín Hernández.
No acto en honra a Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo, o rexedor compostelán xustificou a súa ausencia como consecuencia de que os familiares dos homenaxeados non podían acudir no horario que tiñan previsto, ás sete da tarde. Por iso, a petición expresa dos fillos de Pardo, el mesmo decidiu “priorizar” este evento ás Medallas, xa que “é o mínimo que podía facer” en honra” aos dous intelectuais”.
“FARTO”
Respecto diso, acusou ao PP de estar “a crear un choque institucional”, e expresou estar “farto” de que empreguen circunstancias como esta “para facer unha acusación de parte”.
En declaracións aos medios no acto da entrega das Medallas de Galicia, Rueda cualificou de “clamorosa” a ausencia de Noriega, mentres que Hernández xulgou que foi “un erro que prexudica gravemente á cidade”.
A portavoz municipal e a tenente alcalde acudiron ás Medallas en lugar da cabeza visible de Compostela Aberta, quen engadiu que a ambas “tamén lles gustaría estar” na homenaxe dos artistas na Rúa das Hortas.











