publicidade hoxe

Nace en Carballo a proposta “Ruar e rir” para mudar a faciana da localidade unindo literatura e arte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Ruar e Rir

Ruar e Rir

“Arrincarlle un sorriso ao cidadán ou cidadá que deambula, pasea sen rumbo, ou vai apurado por algunha obriga” polas rúas de Carballo. Este é un dos principais obxectivos de “Ruar e rir”, unha iniciativa que partiu do coñecido sociólogo e veciño de Carballo Santi Pazos e que foi quen de poñela en marcha coa colaboración da Asociación Cultural Crea Formas e o impulso do Concello. Así, o proxecto pretende usar os pasos de peóns para comunicar “de forma sutil, mensaxes humanistas, didácticas e transmisoras de bos sentimentos que alegren o tránsito dos e das viandantes e que provoquen algún tipo de conversa entre o peón e a rúa”, sinala Pazos. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, encargado de recoller o testemuño e impulsar a iniciativa, subliña que a idea “é seguir derrubando muros”, desta volta, “sorprendendo na nosa contorna” con esta proposta que pretende devolverlle aos veciños e veciñas o seu “dereito á beleza e á liberdade de expresión no espazo urbano”. Nunha vintena de zonas de Carballo, entre 25 e 30 frases elaboradas por Santi Pazos e pintadas con spray polos artistas de Crea Formas nos pasos de peóns pretenden axudar a “repensar” a cidade porque “é aquí onde temos que convivir e ser felices”, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. A proposta recolle unha idea xa reflectida noutras cidades como Murcia ou Madrid, coa arela de darlle aos veciños e veciñas a oportunidade de “que a xente da rúa se implique na transformación que Carballo está sufrindo”, porque “as cidades facémolas quen vivimos nelas”, salienta Pazos.

Moitas das frases son suxestivas, poéticas ou mesmo filosóficas, como “Se me bicas, que sexa por amor”, “Cántanche?”, “Este mundo non é tan feo” ou “Vas ou vés?”; outras, explica Pazos, están directamente relacionadas co espazo no que se atopan, como o “Vertedoiro de tristuras”, a carón da Oficina de Emprego, ou o “Ler entre liñas” da Biblioteca Rego da Balsa. A maioría, resalta, tan só pretenden ser mensaxes “sinxelas e agarimosas”, “comprensibles para todo o mundo” que axuden a transmitir a idea de que “o espazo público é de todos e hai que querelo”. Ferrero e Regueira tamén quixeron salientar o proxecto global de transformación que vive o municipio, “un concello atractivo polas súas xentes” e, no que pouco a pouco, en verbas de Regueira “estase conseguindo que xente da arte e a cultura mire cada vez máis para nós”. Segundo Pazos, o obxectivo de proxectos como Derrubando muros con pintura, Contos de taberna, a exposición colectiva de creadores que se realiza no San Xoán, e outras moitas propostas que se están desenvolvendo na vila, o que fan é “traer máis visitas e riqueza para Carballo”. Ademais de conseguir que a vila mostre “a súa cara máis amábel e humana”. Os interesados e interesadas poden descargar o cartaz anunciador do proxecto, no que figuran sinalados cos “jas” das gargalladas que espera provocar os diferentes puntos onde ler as frases, nun documento en pdf nesta mesma nova. 

27 de xullo de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.