publicidade hoxe

Música de Pablo Díaz e cadro conmemorativo de Mon Lendoiro no décimo aniversario da Escola Infantil As Landras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

 

Aniversario da Escola Infantil As Landras

Aniversario da Escola Infantil As Landras

Aínda que con un pouco de atraso, como ben comentaba a directora do centro, Silvia Sánchez Fernández, a Escola Infantil As Landras vén de festexar hoxe o seu décimo aniversario, conmemorando o seu labor. Á cita acudiron os nenos e nenas matriculados na escola, pero tamén o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Maica Ures; e a Concelleira de Educación, Mar Eirís. A directora aproveitou a cita para agradecer o apoio institucional prestado polo Concello no desenvolvemento do seu labor, e tamén o traballo realizado por todos os equipos anteriores da Escola Indantil dende a súa apertura, en setembro do ano 2004.

O sinxelo acto, que contou tamén coa presenza de moitos dos pais e nais dos nenos e nenas matriculados, comezou coa descuberta dunha obra do artista local Mon Lendoiro, un cadro moi colorista e cheo de vida no que o creador presenta a súa propia e particular visión da Escola Infantil, chea de tenrura e de ledicia. E continuou coa actuación de Pablo Díaz, un artista que leva dedicado á música dende os cinco anos e que dende entón ten traballado moito no ámbito dos sons tradicionais, pero tamén, máis recentemente, coa edición de traballos como “Tic, tac” e “Toc, toc”, para público infantil. Como dicía Silvia Sánchez, pararemos o seu CD, que reproducen a miúdo, para poder escoitalo en directo. A Escola Infantil As Landras acolle a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O servizo ten un límite de 61 prazas por curso académico e está atendido por nove persoas entre persoal docente, educadores e persoal de servizos.

31 de xullo de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.