Música, baile e teatro na fin de semana na Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O Concello da Guarda presenta unha fin de semana repleto de actividades moi diferentes para o desfrute, tanto dos veciños e veciñas da localidade, coma dos moitos visitantes que estes días pasean polas rúas desta  vila.

Maña, venres, a Asociación naturalista Baixo Miño (ANABAM) celebra o seu 30 aniversario no Salón de Actos do Centro Cultural a partir das 20 horas. Tras este acto organizado pola propia asociación en colaboración co Concello, se procederá á apertura da exposición de Joel Correia “Pintura da Natureza”.

Ás 22,30 a Agrupación de Música da Guarda ofrecerá un concerto de Jazz “St James Street Band” na Praza do Reló. O espectáculo está aberto a todos os públicos e é totalmente gratuíto. 

Ademais, este venres tamén se celebrará a “III Festa do Mexillón” que ocupará a Alameda da Guarda ata o domingo, día 12. Esta festa gastronómica está organizada pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva “O Cancelón”. 

O sábado, organizado por “Sopadesobre” e coa colaboración do Concello, se celebrará no espazo do Centro Cultural da Guarda, o III Mercado da Música. Este evento, que comezará as 11 e se alongará ata as 23 horas, ofrecerá música en directo, postos de venta de discos ou roupa e moitas sorpresas máis. 

Este mesmo día, organizado pola Asociación Cultural Xamaraina, no Auditorio de San Bieito terá lugar o “Festival de Baile Moderno Xamaraina” no que participarán un gran número de nenas da vila. A hora de comezo é as 20,30 horas.

Na mesma xornada se procederá á inauguración da exposición de Debuxo, Escultura e Pintura do Grupo Impás que se mostrará na Casa dos Alonso ata o próximo 28 deste mesmo mes. 

O fin de semana culmina coa “Festa do Avó” organizada polo Clube da 3ª Idade e Pensionistas da Guarda. Nesta homenaxe os avós e avoas da localidade contará coa animación musical do grupo “Sabor” e coa actuación do monologuista “Pedro Brandariz”. Se repartirá rosca e sidra entre todos os asistentes e haberá sorteo de agasallos.

A festa comezará as 16,30 horas.

 

A guinda da fin de semana a porá a obra teatral “A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres” que terá lugar no Auditorio de San Bieito o domingo ás 20,30 horas. Este espectáculo organizado polo Concello está aberto a todos os públicos e a entrada é totalmente gratuíta.

9 de xullo de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.