publicidade hoxe

Múltiples actividades en Moraña no marco da XLVI Carneiro ó Espeto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+

A XLVI edición da Festa do Carneiro ó Espeto de Moraña está a ter unha gran participación entre os habitantes do Concello e da súa Comarca. Iniciada o 3 de xullo, a Festa obtivo nestas dúas semanas unha gran afluencia de participantes e de público nas actividades celebradas, con especial mención entre os cativos que puideron disfrutar de obradoiros de teatro, pintura e fofuchas. Cómpre destacar tamén a participación dos profesionais hostaleiros de Moraña que apoiaron a exhaltación desta tradición gastronómica do carneiro ó espeto con orixinais propostas na III Ruta de Tapas “Espétalle o pincho”.

Tal e como afirmou a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, “estamos moi contentos coa asistencia aos eventos e actividades. A programación da Festa está pensada para axudar a conciliación das familias cos seus fillos e fillas neste tempo de verán no que non teñen escola. Por outra banda, queremos que todas as persoas, de todas as idades,  atopen algunha iniciativa do seu agrado, dende deporte, música ata oferta cultural”.

Nesta segunda quincena de xullo a XLVI Festa do Carneiro ó Espeto acollerá un programa de actividades diarias entre as que destacan a III Carreira Pedestre e o Festival Folk, o día 19 de xullo, a Festa acuática e Aquagym o día 21, ou a Festa da Bicicleta, o Trofeo de Fútbol e as finais do XIX Torneo de Tenis o día 25. O 24 de xullo terá lugar unha das citas máis importantes do cartel da Festa coa celebración do XV Torneo de Básquet 3×3 que convertirá a Moraña por décimo quinto ano consecutivo na capital do 3×3. 

Lotes para o Extraordinario Xantar Carneiro ó Espeto o 26 de xullo

Como xa é tradición, o colofón final da Festa constitúeo o Extraordinario Xantar Carneiro ó Espeto que terá lugar na carballeira de Santa Lucía o domingo 26 de xullo e que estará amenizada pola charanga Os Encerellos. O prazo de reserva de lotes para o xantar ampliouse ata o vindeiro  20 de xullo ás 14 horas. Na web da XLVI Festa Carneiro ó Espeto, www.festadocarneirooespeto.com, pódese consultar o xeito de formalizar as inscricións. A asignación deste lotes, que se fará pública o 26 de xullo ás 14.00 horas,  “será por rigurosa orde do ingreso bancario realizado”, tal e como explica a alcaldesa de Moraña.

16 de xullo de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.