Mostrart regresa aos Xardíns de Méndez Núñez do 1 ó 16 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O próximo sábado día 1 de agosto as 12 h. vaise inaugurar nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña a edición número 31 da feira de artesanía Mostrart, que contará ca participación de 49 expositores de toda Galicia e un de Navarra, participando algúns deles na primeira metade da feira e outros na segunda.

Este ano varios obradoiros participan por primeira vez na feira, como o singular de “Coitelos Fonsagrada”, que actualiza a tradición da ferrería da montaña de Lugo presentando un catálogo de coitelos e navallas de autor que, estamos seguros, terá un gran éxito.

Durante a primeira semana tamén participa por primeira vez o obradoiro de carpintería tradicional e tornería de madeira “Armaior” de Quiroga (Lugo), especializado en traballos con madeira de olivo, entre os que se encontran varias pezas escollidas por importantes cociñeiros galegos para presentar as súas creacións. Na segunda semana, daralle a réplica o único obradoiro participante de fora de Galicia “Creaciones Pimfa” de Cascante (Navarra), tamén con pezas de madeira de olivo.

Laura Delgago e Fani Sánchez, ceramistas de Cambre (A Coruña), estarán presentes por primeira vez en Mostrart cas súas creacións, e durante a segunda semana. Mostrart, que é a feira de artesanía máis importante de Galicia, tanto en número de expositores, como de visitantes, atrae a cidade da Coruña a númeroso público convertíndose nun dos acontecementos centrais das festas de María Pita.

A feira propicia o contacto directo do público cos artesáns, un “mercado emocionante” no que descubrir a nova colleita de pezas da Artesanía de Galicia, e tomarlle o pulso o talento artesanal galego.

No Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia figuran inscritos arredor de 2.800 persoas que dispoñen da acreditación de artesáns, e arredor de 500 Obradoiros Artesáns, con actividade económica como empresas.

A artesanía en España aporta o 0,4 % ó PIB nacional, e da emprego a arredor de 194.000 persoas (fonte: Ministerio de Industria, Turismo e Comercio).

A feira conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, do Concello da Coruña e da Deputación Provincial da Coruña.

Mostrart é unha feira promovida pola Asociación Galega de Artesáns (AGA), que ten a súa sede na Coruña. AGA é unha asociación profesional que traballa na promoción da artesanía dende 1983, e conta con socios en toda Galicia.

AGA é entidade colaboradora da Marca Artesanía de Galicia propiedade da Xunta de Galicia, e a promove dende 1990.

A Asociación recibiu este ano o Premio Nacional de Artesanía na modalidade de Promociona para entidades privadas, pola súa APP Obradoiros Abertos, que ofrece información sobre obradoiros artesáns visitables e puntos de interés para a artesanía en toda Galicia (www.obradoirosabertos.com).

30 de xullo de 2015 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.