Miranda participa na celebración solemne do Día de Galicia en Caracas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Miranda no Día de Galicia en Caracas

Miranda no Día de Galicia en Caracas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na celebración do Día de Galicia na Cámara Solemne (similar a un parlamento no que están representadas as distintas sensibilidades) da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, unha das institucións máis importantes da diáspora, integrada por preto de 10.000 familias galegas.

Durante a súa alocución, Miranda defendeu que “neste tempo de incertezas, faise máis necesaria, precisamente, esa Irmandade da que fai gala a denominación da vosa entidade. Nestes tempos revoltos nos que o compromiso social é máis necesario que nunca, congratúlame celebrar o Día de Galicia nesta sede, que é unha das institucións máis senlleiras da Galeguidade universal, e un destacado bastión nesta materia: un lugar, unha institución, que durante os seus máis de 50 anos de existencia soubo marcar a pauta das actuacións para favorecer o seu prestixio social dentro ou fóra do país, acompañándoo dunha acción directa en auxilio dos menos favorecidos”.

O secretario xeral da Emigración gabou que “a Hermandad representa os nosos ollos e as nosas mans en Venezuela. Os nosos ollos, porque sen a vosa axuda sería imposible detectar, rexistrar e documentar os casos de galegas e galegos, e de familiares, en circunstancias de extrema necesidade. E as nosas mans, porque grazas ao labor desta institución, e ao ímprobo e nunca recoñecido traballo dos seus empregados e voluntarios, a axuda que as galegas e os galegos destinan aos seus concidadáns máis necesitados pode chegar a esa parte tan importante da nosa poboación que é a Galicia do Exterior”.

Este acto da celebración solemne do Día de Galicia é o primeiro dos que desenvolverá o secretario xeral nesta nova viaxe a Venezuela, un país que, polas circunstancias especiais que atravesa, está a centrar a atención do secretario xeral, e no que se están a intensificar as políticas sociais da Secretaría Xeral da Emigración, coa finalidade de detectar e, na medida do posible paliar, as situacións de necesidade de residentes galegos.

Apoio ao retorno

Asemade, Venezuela é un dos países nos que reside parte das e dos galegos que están a estudar a posibilidade de retornar á Galicia territorial, agora que se ten superado a peor fase da crise económica. Neste senso, Miranda lembrou as múltiplas medidas de apoio e acompañamento que a Xunta de Galicia está a desenvolver, tanto a través do departamento que dirixe, como da Consellería de Traballo e Benestar, ou do Instituto Galego de Promoción Económica.

Así, ademais das axudas para creación de novas empresas e autoemprego que ambas institucións ofertan a tódolos emprendedores galegos residan onde residan, a Secretaría Xeral da Emigración convoca axudas específicas para o retorno emprendedor, mediante as cales os galegos e galegas da diáspora reciben unha axuda -compatible coas anteriores- para a implantación na Galicia territorial do seu negocio ou servizo. Desta maneira, ao tempo que se achegan os coñecementos e experiencias adquiridos polo promotor en terceiros países, foméntase a creación de riqueza e emprego na Galicia territorial, e axúdase á implantación de novas empresas na Comunidade Autónoma.

“Sería bo, para todas e todos, que Galicia empece a verse, agora que remontamos a peor crise dos últimos decenios, como unha terra de oportunidades. As e os galegos fomos sempre un referente, dentro e fóra de España, de vocación de emprender e de espremer as oportunidades. Pois ben, é a hora, é o momento para que na nosa terra se leven a cabo proxectos empresariais, desde os máis ambiciosos aos máis modestos, e que para iso a Administración autonómica guía e acompaña, tamén con axudas económicas, a aqueles que desexan envorcar na súa terra de orixe todo o saber, a bagaxe, a experiencia, que atesouraron noutros lugares do planeta”, dixo Miranda.

Padriño no ‘Castelao’

O secretario xeral da Emigración continúa a súa axenda apadriñando a vixésimo quinta promoción de alumnas e alumnos do Colexio Castelao, unha das dúas únicas institucións educativas creadas por e para a diáspora e que seguen en activo. O ‘Castelao’ é un referente en materia educativa, e unha pegada relevante que as e os emigrantes galegos chegados a Venezuela teñen deixado para as xeracións vindeiras. Tamén se desprazará Rodríguez Miranda ata Puerto la Cruz, para visitar ás e aos socios, e as instalacións, do Centro Galego desta localidade, e reunirse despois coa súa directiva.

Na xornada do sábado, manterá un encontro cos socios, e despois especificamente con mozas e mozos, do Centro Galego de Puerto la Cruz. E finalmente, Miranda concluirá esta nova andaina achegándose a coñecer ás e aos socios, e as instalacións, dunha entidade senlleira na localidade costeira de Carballeda, preto de Maiquetía, o Club Tanaguarena, do que a maioría de socios son galegos.

Arestora residen na República de Venezuela, segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, un total de 46.882 galegas e galegos, dos que dous terzos (o 64’6 %) naceron xa na diáspora.

31 de xullo de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.