Mímate Delicatessen gaña o premio “Comercio con talento” en Pontevedra
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, foi a encargada de entregar esta mañá o premio ao establecemento Mímate Delicatessen, gañador en Pontevedra do certame “Comercio con talento”, unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial galego, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
En Pontevedra foron os alumnos do Ciclo Medio de Comercio e do Ciclo Superior de Xestión Comercial e de Marketing do IES Luís Seoane de Monteporreiro os encargados de propoñer en equipos a candidatura do establecemento comercial que, ao seu xuízo, é o máis innovador da cidade. Posteriormente, un xurado especializado escolleu aos negocios gañadores entre as diferentes candidaturas, obtendo o equipo que a presentou tarxetas agasallo para mercar no comercio local. En toda Galicia participaron preto de 40 grupos de alumnos de 14 centros de ensino.
Mímate Delicatessen, situado no casco histórico da cidade pontevedresa, destaca pola súa ampla e variada gama de tés de todo o mundo. Ademais, no establecemento pódense atopar diversos produtos elaborados artesanalmente no seu obradoiro, empregando sempre produtos naturais. A súa candidatura foi presentada por un grupo de mozas do Ciclo Superior de Xestión Comercial e de Marketing: Alba Corbacho Presas, Tania Nodar López e Isabel Souto.
A directora xeral de Comercio tamén fixo entrega do primeiro premio do concurso autonómico de fotografía que se celebrou como complemento ao premio “Comercio con talento”, co obxectivo de convidar á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Noemí Poceiro Argibay foi a que máis votos recibiu nas redes sociais grazas á fotografía presentada da tenda pontevedresa El Baúl de Elsa, e recibiu unha tarxeta agasallo para mercar no comercio local,
A posta en marcha de “Comercio con talento”, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que no que vai de ano leva activados programas de apoio por preto de 10 millóns de euros centrados en eidos como a innovación e a modernización, o respaldo ao asociacionismo comercial ou a potenciación dos mercados e prazas de abastos.











