Membros de Podemos presentan unha candidatura con 15 galegos en Ferrol
Ferrol acolleu este mércores a presentación de ‘Xustiza Social, Participación Cidadá’, unha das dez candidaturas presentadas ás primarias de Podemos que se celebrarán a finais deste mes e que aposta pola “papeleta única”. A proposta recolle as correntes críticas co modelo proposto por Pablo Iglesias e trátase da lista que conta co maior número de galegos nas súas filas (15), algúns deles membros de Compostela Aberta e Ferrol en común.
Preguntado pola presentación desta lista, o secretario xeral de Podemos Galicia (que tivo o apoio do oficialismo nas primarias galegas), Breogán Riobóo, indicou que “hai oito listas máis” que a de Pablo Iglesias e manifestou que se “alegra”. “Cando máis hai, mellor, porque demostra que Podemos é algo no que se pode participar libremente”, remachou.
O promotor e voceiro de ‘Xustiza Social, Participación Cidadá’ en Galicia, Carlos del Río, presentou este mércores, en rolda de prensa, a candidatura estatal. Trátase dunha das tres listas que conta con integrantes de todas as autonomías -as outras dúas son o ‘Equipo de Pablo Iglesias’ e ‘Territorio Claro que Podemos-, e a que, segundo indicou Del Río, conta cun maior número de representantes galegos, 15 fronte aos catro da candidatura encabezada polo líder da formación violeta.
Á cabeza desta lista alternativa ao Congreso atopa a economista vasca Teresa Sainz, seguida do avogado e activista Aitor Ibarra, Laura Navarro (Madrid), Argiro Artenio Giraldo (Madrid), a carteira ferrolana Sandra Otero, o avogado ourensano Eladio Medel e a valenciana Pilar Solves. Un total de 102 membros neste momento, que poderían aumentar ata 120 cando finalice o proceso de verificación de datos por parte da dirección de Podemos.
Pola súa banda, a lista ao Senado, que se basea en circunscricións provinciais, conta en Galicia coa animalista Ana Vidal Sánchez, o avogado Alfredo del Río, a concelleira ferrolana por Ferrol en Común María Teresa Riveira, o aparellador Jorge Campos, a bióloga Lúa Campos (Compostela Aberta) e Damián Calleja (Ferrol en común).
INICIAR A CAMPAÑA EN FERROL
A cidade naval é a primeira parada da campaña electoral de ‘Xustiza Social, Participación Cidadá’. Tras esta rolda de prensa, o venres 17, ás 12,30 horas, os membros da candidatura celebrarán unha ofrenda floral no monumento ao 10 de marzo do 72, en homenaxe a Amador e Daniel, vítimas da policía franquista nas revoltas obreiras.
Xa pola tarde, ás 19,30 horas, se presenarán oficialmente ante os cidadáns nun acto aberto no centro cultural Carvalho Calero ao que acudirá o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.
Estarán despois o día 18 en madrid, o 19 en Bilbao, o 20 en Barcelona, o 21 en Santa Cruz de Tenerife e o 22 en Sevilla.
En palabras de Carlos del Río, a campaña comeza en Ferrol en “recoñecemento” pola traxectoria dos inscritos en Podemos da cidade, a pesar de non contar aínda cun consello cidadán tras a invalidación do proceso por parte de Podemos. “É a clara demostración de que en Ferrol non estamos illados, despois de ser maltratados pola propia dirección do partido,”, manifestou.
Del Río recoñece que, despois de que algúns dos inscritos en Podemos foran, como é o seu caso, integrados na lista de Ferrol en común, “houbo un xiro e un recoñecemento de membros de Podemos de toda España”.
“PAPELETA ÚNICA COA MARCA PODEMOS”
Preguntado pola confluencia de cara aos comicios, Del Río sostén que “hai que apostar pola unidade máxima” e concorrer cunha “papeleta única”. Recoñece que en Galicia “hai unha situación complexa entre as mareas, Ahora en Común e Podemos, pero advirte que as “eleccións xerais reclaman unidade”.
A número cinco da lista, Sandra Otero, sinalou que “o inimigo común é o PP e as súas políticas, que nos están a sinalar esta situación,”, por iso avogou por unha “fronte ampla que garanta o benestar social”.
Unha fronte ampla na que, segundo Del Río, debería figurar a marca Podemos porque “foi o primeiro instrumento que cambiou a forma de facer política en España”, aclarando que el aposta polo diálogo “e que se chegue a un acordo”.
CRÍTICAS A IGLESIAS
“Non somos oficialistas”, sostivo o voceiro, quen explicou que as primarias “os colleron por sorpresa”, porque as marcou o equipo de Pablo Iglesias “cando quixo”.
Del Río destacou que están en desacordo co sistema de votación telemática como única vía e que o proceso de primarias está articulado para que saian elixidas “as estrelas do rock de Podemos, sen contar coas bases e os círculos.
Sinalou que en Galicia hai un “proceso de malestar” coas propostas de Iglesias, “especialmente en Vigo”, que non conta con representación e é a cidade galega que conta con máis inscritos. “Isto é o que pasa cando se favorece que se elixa aos candidatos da lista oficial”, abundou.











