Medio Rural e Mar aposta pola mellora da competitividade das empresas e conseguir un maior nivel de diversificación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Rosa Quintana na visita a AFAMASA

Rosa Quintana na visita a AFAMASA

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou a aposta do seu departamento por mellorar a competitividade das empresas e conseguir un maior nivel de diversificación e diferenciación da oferta, así como modernizar tecnoloxicamente os procesos de produción e distribución. Así o dixo Rosa Quintana durante a súa visita á planta da Agrupación de Fabricantes de Aceites Marinos (AFAMSA) de Mos.

O departamento que dirixe destinou máis de 5,5 millóns de euros para a construción dunha planta desta empresa, ao abeiro das achegas para transformación e comercialización de produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Rosa Quintana fixo fincapé nos aspectos que se melloraron nas instalacións de AFAMSA grazas a esta achega. Así, perfeccionáronse aspectos relativos ás condicións hixiénicas, ao aproveitamento e valorización de subprodutos e residuos e ao respecto ao medio ambiente.

Estas axudas concédense para mellorar as condicións de traballo das empresas e están dirixidas á fabricación de produtos de alta calidade para mercados altamente especializados que promovan un mellor emprego de especies, subprodutos e residuos pouco aproveitados.

AFAMSA

A Agrupación de Fabricantes de Aceites Marinos creouse no 1965, coa unión de varios produtores de aceite e fariña de peixe. As instalacións visitadas hoxe ocupan unha superficie de 28.000m². Esta empresa dedícase á transformación de aceites de peixe obtidos de fontes sustentables, o que lle permite ser un referente no sector a día de hoxe. Tamén diversificaron a actividade da empresa, comezando a transformar diversas fraccións de aceite de palma en produtos destinados principalmente á alimentación animal.

28 de xullo de 2015 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.