publicidade hoxe

Medio cento de rapaces do Campus de Fútbol da Fundación Celta en Oroso visitan Balaídos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Visita aos vestiarios

Visita aos vestiarios

O medio cento de rapaces que participan no Campus de Fútbol da Fundación Celta de Vigo en Oroso veñen de realizar esta semana unha visita moi especial ao estadio de Balaídos e aos campos de adestramento da Madroa. Dúas xornadas nas que os nenos orosáns, de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, puideron comprobar como é o día a día dun xogador profesional.

Así, os pequenos realizaron unha completa visita ao estadio de Balaídos, onde mesmo puideron saltar ao terreo de xogo e sentar nos bancos que utilizarán os xogadores do Real Club Celta de Vigo durante a próxima semana. A visita tamén incluíu paradas no palco de Balaídos, aos vestiarios dos seus ídolos e, incluso, á sala de prensa, onde uns xogaron a dar a rolda de prensa e, os máis, fixeron os seus pinitos como xornalistas. Así mesmo, os nenos de Oroso aproveitaron para fotografarse cos distintos trofeos conseguidos pola entidade celeste.

A segunda xornada incluíu unha sesión de adestramento moi especial nas instalacións do RC Celta na Madroa. Os nenos de Oroso tiveron ocasión de adestrar no mesmo campo que o fan habitualmente os seus ídolos e recibir consellos por parte de membros do equipo técnico do Real Club Celta. 

Esta visitas a Vigo foron a gran novidade da edición deste ano do campus de fútbol organizado pola Fundación Celta de Vigo e a Escola Deportiva Xuventude Oroso, en colaboración co Concello de Oroso, e se celebrará en Sigüeiro ata o próximo 31 de xullo. Ademais da formación en fútbol, o campus inclúe tamén a posibilidade de participar en actividades extra como rutas de sendeirismo, visitas ao aquapark de Cerceda ou a práctica doutras modalidades deportivas. 

17 de xullo de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.