publicidade hoxe

Medio Ambiente realiza melloras puntuais do firme na autovía AG-53

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDozónPunxín
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciará mañá mércores 8 de xullo a reparación das deformacións superficiais existentes no firme da autovía entre Alto de Santo Domingo (Dozón) e Barbantes (Punxín). Os traballos quedarán rematados nesta semana.

As actuacións levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 56 e 86 e consistirán no fresado da capa de rodadura nos puntos deteriorados e posterior reposición do firme mediante mesturas bituminosas en quente do mesmo espesor.

Para o desenvolvemento das tarefas no tronco da autovía será necesario impedir a circulación no carril no que se estea traballando, permitíndose a circulación polo segundo carril. Estes cortes terán unha lonxitude máxima aproximada de catro quilómetros.

Ademais, realizarase unha reparación puntual no ramal de saída cara a A-52 en sentido Ourense no enlace final da autovía (enlace de Feá) que requirirá do corte ao tráfico deste ramal.

Por iso, habilitarase un itinerario alternativo debidamente sinalizado, debendo os vehículos percorrer a A-52 en sentido Vigo e realizar no enlace de Barbantes (situado a menos de 2 quilómetros do enlace de Feá) un cambio sentido para incorporarse á A-52 en sentido Ourense.

Este corte está previsto realizalo o xoves a media mañá, momento no que a autovía rexistra menor intensidade de tráfico e terá unha duración máxima de dúas horas. Será debidamente advertido mediante a correspondente sinalización, e contará coa presenza de persoal de conservación para evitar posibles confusións dos usuarios.

7 de xullo de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.