Medio Ambiente presentará na Costa da Morte a configuración final de enlaces da autovía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentará a vindeira semana na Costa da Morte a configuración final do sistema de enlaces da Autovía que se está a executar na comarca. A Axencia Galega de Infraestruturas convocará aos representantes municipais de Zas, Cabana de Begantiños e Coristanco para presentar as melloras introducidas no proxecto construtivo, de acordo con criterios de seguridade viaria e conectividade.

Cómpre salientar que desde a Xunta estudouse de xeito global a configuración dos enlaces da infraestrutura, co obxectivo de facer compatible a seguridade viaria e a máxima conectividade para os usuarios.

Paralelamente, e co obxectivo de avanzar na execución dunha autovía tan agardada como é a da Costa da Morte, desde finais do pasado ano vense traballando no tronco da mesma, de cara á cumprir os prazos previstos para a finalización das obras nesta lexislatura.

A Autovía da Costa da Morte é unha infraestrutura estratéxica para a vertebración de toda esta comarca e un proxecto necesario para a mellora das comunicacións, xa que posibilitará un aforro de tempo de 25 minutos por viaxe e evitará máis de sete quilómetros de travesías.

Paralelamente, e unha vez aboadas todas as expropiacións resoltas de mutuo acordo, a empresa concesionaria das obras desta autovía está a iniciar, a instancias da Xunta de Galicia, o procedemento para adiantar o pagamento dos límites de acordo dos expedientes pendentes de resolución polo Xurado de Expropiación.

Dese xeito, os propietarios dos terreos pendentes de resolución poderán solicitar un pago conforme aos prezos ofrecidos pola Administración, quedando a expensas da decisión do Xurado de Expropiación o posterior abono de cantidades adicionais.

Nos vindeiros días publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia para os pagamentos de aqueles casos nos que os propietarios solicitaron o pagamento deste límite de acordo, que ascenden a 1,4 millóns de euros, e consignarase a cantidade que lle correspondería aos propietarios que non o solicitaron, para que a poidan retirar cando o estimen conveniente. Isto suporá a consignación de 2 millóns de euros adicionais.

8 de xullo de 2015 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.