Medio Ambiente entregará ao Concello de Ames o novo sistema de abastecemento para a súa explotación no vindeiro mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas entregará ao Concello de Ames no vindeiro mes o novo sistema de abastecemento. Así llo trasladou hoxe o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, aos representantes do citado municipio, cos que se reuniu para informalos de que estas novas infraestruturas hidráulicas xa se atopan en probas.

O director de Augas de Galicia comunicoulle ao Concello de Ames que tras a recepción das obras, serán cedidas ao municipio as novas instalacións que tamén servirán auga ao concello de Brión. 

Cómpre lembrar que estes traballos de mellora do abastecemento contaron cun investimento de 6,2 millóns de euros, financiados por Fondos FEDER, Xunta de Galicia e os concellos de Ames e Brión. 

Cos traballos executados complétase o novo sistema de abastecemento dos concellos de Ames e Brión, garantindo un subministro futuro para os dous municipios que están a presentar un aumento de poboación significativo.

A nova estación de tratamento de auga potable (ETAP), que se sitúa preto da aldea de Ponte Maceiras, terá unha capacidade de 175 litros por segundo para dar servizo aos municipios de Ames e de Brión, sendo preto de 42.000 os habitantes beneficiados coa súa posta en marcha. 

A finalización destas obras suporá que ambas vilas da área de Santiago terán por primeira vez un sistema de abastecemento propio a través do río Tambre, que lles garantirá o subministro sen depender doutros concellos ou traídas.

O proxecto inclúe 12 quilómetros de tubaxe, xa instalados na súa totalidade, así como un deposito de regulación e de cabeceira de 10.000 metros cúbicos que se conectará por gravidade e subministrará auga cara os depósitos xa existentes en Brión e Ames.

29 de xullo de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.