Medio Ambiente descarta relación entre a calidade da auga das Forcadas e o peche do abastecemento en Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente descarta toda relación entre a calidade da auga do encoro das Forcadas e o peche do abastecemento en cinco concellos da comarca de Ferrol. Nese sentido, cabe lembrar que o mesmo encoro abastece o concello de Valdoviño, que recibe a auga tratada dunha estación potabilizadora diferente á de Ferrol e non rexistrou parámetros anormais.

Augas de Galicia realiza un seguimento periódico da calidade da auga dos encoros de abastecemento. Nos casos de captación directa, como é o das Forcadas, o procedemento prevé que, cando a concentración de cianobacterias supera as 2.000 cel/ml debe iniciarse un protocolo de intensificación do seguimento.

Esta circunstancia dáse no encoro das Forcadas desde o pasado 20 de maio, data na que se trasladou as correspondentes comunicacións á Consellería de Sanidade e ao explotador do servizo, co obxecto de que realizasen un seguimento para detectar a posible presenza de cianotoxinas na auga tratada que poida resultar un risco para a súa calidade. As análises realizadas neste proceso descartan a presenza desas toxinas e polo tanto permiten asegurar que a calidade da auga das Forcadas non é a causa das restriccións de abastecemento rexistradas a pasada semana.

Este extremo foi confirmado, incluso, por técnicos da empresa xestora do servizo de abastecemento en Ferrol, Emafesa, durante as reunións mantidas durante o peche do subministro, nas que Augas de Galicia participou, ofrecendo colaboración na procura de solucións.

Augas de Galicia non recibiu en ningún momento comunicación por parte do Concello de Ferrol nin da empresa municipal que xestiona o servizo de abastecemento, de que as analíticas realizadas na auga procedente do encoro que entra na estación potabilizadora para o seu tratamento presentase parámetros anormais.

Por outra banda, a análise das mostras de auga do encoro tomadas o pasado xoves, 16 de xullo por Augas de Galicia, non detectou tampouco anomalía algunha que permita establecer relacións co problema detectado no tratamento de potabilización.

23 de xullo de 2015 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.