Manuel Mirás propón institucionalizar a homenaxe á Lira de Senra como o día das bandas de música da contorna

Homenaxe a Lira Senra
Preto de 350 persoas encheron o campo da festa de Senra para homenaxear á Banda “Lira” de Senra, unha formación fundada en 1900 por Constante Rey e que se desfixo no ano 1970. Unha sentida homenaxe organizada pola Asociación de Veciños de Senra e a Coral Polifónica Santa Eulalia, que contaron coa colaboración co Concello de Oroso, a Deputación da Coruña, a asociación folclórica Buxos Verde e as bandas de música de Ordes e Arca, que actuaron conxuntamente.
Os actos comezaron ás 12:00 horas cunha misa na Igrexa de Senra, que deu paso a unha homenaxe á Lira de Senra, representada por trece dos seus integrantes chegados de toda España para a ocasión. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, entregoulles uns agasallos aos presentes, entre os que destacaba un libro especial de 50 páxinas, “Banda Lira de Senra” editado pola Asociación de Veciños de Senra en recordo e homenaxe á Lira. Cincuenta páxinas que recollen as fotografías e biografías de todos os integrantes desta histórica banda orosá, así como unha selección de documentación relacionada coa banda, dende artigos en xornais a cartas e partituras dos seus membros.
Institucionalizar o acto
Manuel Mirás felicitou a todos os presentes e asegurou que “Senra é o icono da cultura e da música no noso concello”. Neste sentido, apuntou que “ás veces nos critican porque facemos convenios con outros municipios, pero pensamos que a cultura e a educación son algo que se leva dentro, que ninguén nos pode quitar e que nos fai máis libre e mellores persoas”. Así, ao recente acordo asinado co municipio portugués de Figueira da Foz, de máis de 68.000 habitantes, Mirás adiantou que se está a traballar nun acordo cun municipio italiano.
O alcalde de Oroso felicitou á Asociación de Veciños de Senra e a Coral Polifónica Santa Eulalia polo seu traballo na organización desta homenaxe, destacando especialmente o traballo de dúas persoas: Eduardo Veiras, concelleiro de Obras e veciño de Senra; e José Calvo, xuíz de Paz e membro das entidades organizadoras do acto. Tamén tivo palabras de agradecemento para as bandas de música de Arca, “a onde foron gran número de músicos da Lira cando desapareceu”, e Ordes, “que conta cunha maioría de músicos de Oroso”.
A todos eles, o alcalde orosán lanzoulles unha petición: “que todos os anos fagamos esta homenaxe non só á Lira, senón tamén a todas as bandas de música. Iso é algo que vou apoiar para que este acto quede institucionalizado”.
Tras a intervención de Mirás, os músicos das bandas de música de Orde e Arca encabezaron unha procesión entre o palco da música de Senra e a Igrexa de Senra, previo ao descubrimento dunha placa conmemorativa da Lira de Senra no palco da música. Tras a actuación do dúo Alborada, os preto de 350 veciños e veciñas tomaron parte nun xantar de confraternidade. Pola tarde, a música foi a gran protagonista con actuación da Asociación Folclórica Buxos Verdes, do dúo Alborada, da Banda de Música de Ordes e da Banda de Arca.
Lira de Senra
A Lira de Senra foi fundada, entre outros, por Constante Rey Castromil sobre o ano 1900. Os seus comezos foron complicados. Constante aprendera algo de música en Cardama, sendo os seus mestres tres irmáns desta parroquia coñecidos como “os irmáns da Casa de Anxelo”. Ademais de Constante tocaban José Barreiro Castro, máis coñecido como “José de Ramón”, Mosqueira do Regueiro, Xacinto de Ardrís, Chinto de Cardama e algún máis. A medida que avanzaban os anos, algúns deles regresaban do exército e traian consigo novas pezas e máis coñecementos musicais. A banda ía pouco a pouco aumentando en número pero non tiñan director, Constante ou José Ramón facían as veces de directores.
No 1915 aparecen numerosas partituras arregladas por José Barreiro Castro. Nos anos 20 e principios do 30 a banda empeza a ter contactos con numerosas casas de música doutros lugares de España. Ata o 1936 a banda viña realizando unha media de 35 actuacións por ano sendo a maioría polos arredores: Senra, Cardama, Gándara, Budiño, Marzoa e algunha outra en Santiago. Nos anos da guerra é cando máis bandas se desfán por causa do recrutamento da maioría dos membros. Aínda así a banda Lira de Senra realiza unhas 14 actuacións no 36 e 19 no ano 39.
Pasados estes anos a banda volvese a formar e empezan de novo os ensaios, que son realizados en diferentes lugares o longo da vida da banda ( na casa de Rey e na taberna na casa de Gaspar). Aparece no 1945 a figura do director, que sería Mariano Rodríguez, aínda que nos seguintes anos o posto de director sería ocupado por varias persoas. É nestes anos cando ven a mellor época da banda con máis de 30 compoñentes e Ángel Pereiro Cores de director. Nesta época facían máis de 70 actuacións no ano e ensaiaban dúas veces por semana. En 1970 a banda se desfai definitivamente. A marcha do director uns anos antes, unido a que algúns músicos marchan para a banda de Arca, provoca a desaparición desta banda, que fixo historia no municipio.











