Mantense a bandeira amarela na praia Concha-Compostela pola alta concentración bacteriolóxica nas augas
O Concello de Vilagarcía manterá izada a bandeira amarela nas praias da Concha-Compostela durante a fin de semana conforme á recomendación remitida pola Xunta de Galicia. O Concello recibiu este mediodía os resultados da mostra tomada o mércores pola Consellería de Sanidade nos que se advirten que concentración bacteriolóxica nas augas seguía superando nivel máximo permitido por lei, polo que se desaconsella o baño hasta novo aviso.
O Concello solicitou a toma dunha nova mostra, pero ao ser venres e non traballar os laboratorios a fin de semana, a Consellería non efectuará a recollida ata o luns, e os resultados da analítica non chegarán ata 24 horas despois. O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, lamentou que o seguimento non se poida facer con maior premura para non ter que esperar catro días a saber a evolución das augas, tendo en conta que dende o mércores as condicións meteorolóxicas cambiaron e son máis propicias. A semana pasada sopraba vento do sur, que arrastra ao fondo da ría as correntes e toda a porquería que trae o mar. Dende onte xa sopra norte.
Non obstante, a principal causa do problema que se rexistra nos areais da Concha-Compostela son os verquidos. Para tratar de poñerlles fin, o concelleiro de Medio Ambiente e persoal municipal acompañaron esta mañá aos técnicos de Control de Verquidos de Augas de Galicia para inspeccionar toda a franxa litoral dende Carril ata o muelle do Ramal e detectar posibles focos de emanación de augas residuais.
Os expertos revisaron todos os puntos aliviadoiros de pluviais e tamén as desembocaduras de regatos, como o da Tripeira. Recolleron seis mostras de auga en diferentes puntos dos areais para ser analizadas. Segundo informaron os técnicos de Control de Verquidos so concelleiro, os resultados tardarán algo máis unha semana en coñecerse, aínda que a simple vista, as mostras non presentaban anomalías, xa que a auga era incolora e inodora.
Por outro lado, Mouriño anunciou que o Concello intensificará dende hoxe mesmo os controis no tramo da praia comprendida entre o CIRA e o Parque da Compostela, lugar onde se están a rexistrar os niveis superiores aos permitidos da bacteria Escherichia Colli.
Hai un mes que o Concello solicitou unha entrevista coa conselleira de Medio Ambiente para abordar a problemática dos verquidos na zona de praias e demandar que se executen as obras comprometidas polo anterior conselleiro, Agus´tin Hernández, que anunciou hai máis de dos anos un investimento de 8 mill´`ons de euros en Vilagarcía para obras de saneamento da ría. A día de hoxe Medio Ambiente aínda non puxo data á reunión, pese a que o propio delegado provincial das Xunta, José Manuel Cores Tourís, na visita realizada hai unhas semanas a Vilagarcía comprometeuse a axilizar o encontro.











