Máis de trinta empresas solicitan a ampliación do prazo das súas concesións no porto de Vigo
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, deu a coñecer esta mañá, en rolda de prensa, o número de empresas que solicitaron a ampliación do prazo das súas concesións no Porto vigués, tras a entrada en vigor, en outubro do pasado ano, dunha Lei aprobada polo Consello de Ministros do Goberno de España neste sentido.
Segundo lembrou o máximo responsable portuario, esta medida permitiu ás empresas situadas en zona de dominio público portuario a posibilidade de ampliar o prazo máximo das súas concesións portuarias de 35 a 50 anos. “Algo que sempre defendemos desde o Porto de Vigo”, subliñou, “sobre todo no caso dalgunhas concesións -como sucede cos estaleiros- cuxa concesión concluía no ano 2027 e, unha vez terminada esa concesión, había que volver sacala a concurso”.
No caso concreto das empresas situadas en zona de dominio público portuario, un total de 41 concesións (correspondentes a 31 empresas) solicitaron esa ampliación. Trátase de estaleiros, empresas relacionadas co sector pesqueiro e demais tráficos portuarios, que se comprometeron a investir un total de 41 millóns de euros nos próximos anos, dos que, ao redor de 16 millóns, correspóndense cos investimentos previstos polos estaleiros e máis de 14 millóns por empresas vinculadas ao sector pesqueiro. Unha contía que López-Chaves cualificou de “moi importante”.
Esa ampliación do prazo das súas concesións ten por obxectivo favorecer ás empresas, que poderán alargar o prazo de amortizacións, obter máis rendibilidade dos seus investimentos e equipararse coas concesións portuarias a nivel europeo, cuxo prazo era maior que o das empresas españolas até a entrada en vigor da citada Lei.
Segundo explicou López-Chaves, esta Lei contempla unha disposición transitoria que establece que as concesións poden ampliar o seu prazo -até un 40% o prazo de vixencia da concesión-, pero deben levar a cabo un investimento do 20% do valor actualizado do investimento inicial da súa concesión.
Para López-Chaves, que un total de 41 empresas soliciten esa ampliación das súas concesións no Porto de Vigo “é unha boa noticia” e denota que “hai boas perspectivas de futuro”. “Trátase dun dato moi significativo, sobre todo si comparámolo con outros portos. Un indicio de recuperación económica que tamén estamos a ver no incremento dos tráficos”, destacou.











