Máis de 1.000 escolares de Ourense participarán nos programas de actividades de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Máis de 1.000 escolares de Ourense participarán desde hoxe nos programas de actividades de verán que organiza o Concello de Ourense, a través das súas diferentes concellerías, para proporcionar alternativas de lecer e formativas para os cativos durante as súas vacacións de verán ao tempo que facilitar a conciliación familiar e laboral. 623 comezaron esta mañá a súa participación e a cifra final superará os 1.000 nenos e nenas ao remate do verán.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Educación, Belén Iglesias, asistiron esta mañá no CEIP O Couto ao inicio das actividades de verán que organiza a Concellería de Educación nos CEIP O Couto, Irmáns Villar, Mestre Vide e Prácticas. Desenvolveranse durante todo o mes de xullo, de luns a venres, de 9 a 14 horas, e nelas participan 320 escolares de Educación Primaria (unha media de 80 por centro educativo), con diferentes propostas de carácter lúdico e  educativo, sen olvidar o deporte. 

A continuación, Jesús Vázquez e Belén Iglesias visitaron o Centro Cívico da Ponte, onde se desenvolven outras dúas actividades de verán. Por unha banda, as de animación á lectura que organiza a Concellería de Educación nas bibliotecas municipais de A Ponte, San Francisco e A Carballeira e no punto de lectura infantil do Couto. Neste caso, son sesenta os nenos e as nenas de 4 a 10 anos de idade que participan nestas actividades, que se desenvolven durante todo o verán de 10,30 a 13,00h. 

A oferta de actividades de verán que organiza a Concellería de Educación inclúe tamén a Aula de Natureza do río Miño, onde 53 nenos durante o mes de xullo e outros tantos en agosto participarán en diferentes propostas de coñecemento e achegamento á natureza. 

Centros cívicos e Espazo Coeduca 

As actividades de verán do Concello desenvólvense tamén desde hoxe na rede de centros cívicos municipais, cun total de 160 cativos na primeira quincena das catro que haberá desde xullo ata agosto (600 participantes no total do verán). O alcalde e a concelleira de Benestar Social e Igualdade asistiron ao seu inicio no centro cívico que conta cun maior número de nenos e nenas inscritas: 50 en total, repartidos en 2 grupos. 

A actividade está organizada por quincenas, con diferentes propostas lúdicas e formativas de luns a venres, de 10:30 a 13.00 horas. Outros 34 nenos participan desde hoxe no Centro Cívico Colón-Casco Vello, 25 en A Cuña, 25 en Seixalbo e 25 nas Termas. 

Finalmente, Jesús Vázquez e Sofía Godoy asistiron ao inicio dunha nova edición de Espazo Coeduca, un programa que desenvolve a Concellería de Igualdade durante o verán. Ten como obxectivo crear un espazo de aprendizaxe lúdica e creativa onde se desenvolvan actividades que posibiliten que nenas e nenos se sintan protagonistas do seu propio proxecto vital e lles permitan vivenciar que o feito de seren mulleres ou homes ten a mesma importancia. 

Un espazo igualitario de lecer, no que se desenvolven actividades de expresión corporal e dramatización, expresión plástica e artística, e cociña creativa. Participan durante o mes de xullo 30 nenos e nenas, en dous grupos, e outros 30 máis no mes de agosto

1 de xullo de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.