Louzán e Caballero asinarán o 8 de xullo o convenio de Balaídos de 29,7 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinará o próximo 8 de xullo co alcalde de Vigo, Abel Caballero, o convenio de financiamento da reforma integral do estadio de Balaídos.
O documento garante un investimento conxunto, entre o Concello e a Deputación, de 29,7 millóns de euros, equivalente ó orzamento total da obra, de acordo co proxecto elaborado. Ambas as institucións achegarán cada unha o 50 % dos cartos. O investimento reducirase proporcionalmente se no transcurso da obra se suman como investidores outras administracións públicas.
Ademais, o documento inclúe unha partida de 579.000 euros, achegada tamén a partes iguais entre o Concello e a Deputación, para executar obras de mantemento en seis do catorce campos de fútbol construídos en Vigo pola institución provincial.
Desta forma as instalacións de Sárdoma-Moledo, Santo André de Comesaña, O Meixoeiro, A Bouza, A Guía e Santa Mariña verán melloradas as súas dependencias con reparacións e obras de acondicionamento en diferentes seccións.
A firma do convenio terá lugar no propio estadio de Balaídos, co presidente do Celta, Carlos Mouriño, como anfitrión. A intención é que o prazo de execución da totalidade dos traballos non exceda os tres anos.
O titular da Deputación congratulouse de que esta colaboración se puidese materializar “porque se trata do maior investimento realizado pola Deputación en Vigo nun só proxecto” e porque “será unha obra que repercutirá positivamente na imaxe da cidade e, indirectamente, tamén na súa economía”.
Louzán destacou o feito de que este documento ofreza “plenas garantías de que a reforma integral de Balaídos non correrá xa ningún perigo e se poderá realizar no tempo establecido”.











