Louzán acusa a PSOE e BNG de non respectar a vontade do pobo para o goberno da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e responsable do Partido Popular na provincia, Rafael Louzán, criticou a negociación política aberta entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) para alcanzar un pacto de goberno na administración provincial porque, ao seu xuízo, nesta “importa todo menos a vontade real do pobo”.

Para Louzán trátase “dun pacto un pouco desconcertante” por parte dos dous partidos “que pediron a supresión das deputacións e que agora pelexan por repartirse o poder nelas”. “Aínda que no caso do Bloque xa non falan de suprimilas senón de adelgazalas”, engadiu.

Pola súa banda, o mandatario provincial sinalou que “o Partido Popular, que sempre as defendeu e creu nelas, está de espectador”.

Segundo o presidente do PP pontevedrés, esas conversacións non desembocarán nun “pacto para construír ou para acordar melloras para a provincia ou para a xente, senón para destruír”. Ademais, Louzán asegurou que nesta negociación a cidade de Pontevedra é “moeda de cambio”.

Rafael Louzán entende que o pacto entre BNG e PSOE non ten “nada que ver coa cidadanía ou os concellos”, senón “coa repartición de cotas de poder”, xa que argumentou que estas formacións políticas aspiran a “tocar poder ao prezo que sexa”, e opinou que “outras cuestións como a ideoloxía, o programa, os principios, o ben común ou a cidadanía, quedan para máis adiante”.

“Para conseguir o poder pasan por riba de todo, mesmo por enriba do partido máis votado”, apostilou tras recordar que o PP ten maioría con 12 deputados na corporación provincial, fronte aos 10 deputados do Partido Socialista, catro do BNG e un da Marea. “Xa veremos onde rematan”, comentou.

LOUZÁN DEPUTADO

Este xoves, o Partido Popular elixe os seus representantes na Deputación provincial polos partidos xudiciais de Pontevedra e Lalín, e este venres serán presentados ante a xunta electoral de zona.

Este mércores foi a quenda do partido xudicial de Cambados e os populares elixiron como representantes a Rafael Louzán Abal, número 2 da candidatura popular de Ribadumia e Luis Aragunde, presidente e voceiro do PP de Cambados.

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e líder provincial do PP, Rafael Louzán, anunciara tras coñecer o resultado das eleccións municipais do pasado 24 de maio que se hai unha coalición de goberno na administración provincial non sería deputado neste ente no próximo mandato.

“De momento non debo manifestarme ata que se vaian vendo os acontecementos”, dixo este xoves Louzán ao ser preguntado por este anuncio.

“En A Coruña estamos a asistir a outro espectáculo dantesco que os cidadáns valorarán, en Lugo xa saben o que pasou e en Pontevedra xa veremos o que pasa”, concluíu. “De momento toca esperar”, remachou.

9 de xullo de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.