López-Chaves visita as obras en execución da antiga nave de Freiremar

López Cháves na visita ás instalacións
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá as obras en execución da antiga nave de Freiremar, adxudicada en concesión a Frigalsa. Segundo explicou en declaracións aos medios, estas obras “supoñen a reutilización dun frigorífico que, despois da situación de crise que atravesou a empresa Freiremar, fora abandonado, e agora suporá o regreso de nova carga, de pesca conxelada vinculada ao sector dos túnidos”.
Sobre a repercusión que para o Porto de Vigo podería ter esta nova instalación, o máximo responsable portuario considerou que “grazas a estes investimentos imos manter e mesmo incrementar o noso liderado como primeiro porto do mundo en tráfico de pesca para consumo humano”, o que “tamén demostra que o sector vinculado á pesca conxelada está a reactivarse, é un sector forte, algo que xa estamos a notar no incremento do prazo das concesións e as contías que van investir esas empresas”, declarou.
As obras, que con toda probabilidade estarán concluídas entre os meses de setembro e outubro, suporán “unha transformación importante da nave, da zona de frío onde se almacenará o peixe, incluíndo novos peiraos de carga para que unha vez chegue a mercadoría en camión se descargue directamente, almacenándose e saíndo segundo a demanda”, informou.
“O que antes viña a través doutros portos, agora chegará a través de Vigo. Moveranse máis colectores na terminal, haberá máis transporte entre a terminal e esta zona, máis creación de emprego e por iso, desde a Autoridade Portuaria de Vigo queremos agradecer a confianza que seguen tendo as empresas no Porto, que é un dos que máis crecen nestes momentos en España”, lembrou.
Neste sentido, subliñou que, grazas a estes investimentos, “seguiremos sendo un referente a nivel mundial na pesca”, á vez que considerou que “hai interese por parte das empresas, o que redundará, sen dúbida, na creación de novos postos de traballo, o que nos garantirá seguir sendo un referente a nivel mundial en tráfico de pesca para consumo humano”, salientou.
Segundo explicou, esta zona -en referencia a Orillamar-, estaba pendente da aprobación da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), polo que a empresa adxudicataria da concesión só dispuña de autorización. No entanto, “desde hai ano e medio estamos a traballar con Frigalsa para facer posible o que hoxe se está vendo. En canto se aprobou o DEUP outorgóuselle unha concesión por 25 anos que poden ser prorrogables nun 50% máis, de tal maneira que a amortización do investimento que vai facer a empresa pode alargarse no tempo e, como consecuencia, producirase un incremento dos tráficos e os postos de traballo da actividade industrial da contorna de Vigo”.
Por outra banda, López-Chaves referiuse ao sector da pesca e, baseándose en datos do informe Ardán, indicou que “é un dos que maior valor engadido xera nos produtos que transforma” e, por iso, “ser Porto de referencia e ter novas instalacións é un luxo”. “Desde o Porto traballamos conxuntamente, de maneira calada, nos despachos, buscando solucións, novas instalacións e iso deu xa os seus froitos”, concluíu.











