Laracha C.F., U.D. Paiosaco e Club do Mar de Caión disputarán o Trofeo de Fútbol das Festas da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os tres equipos de fútbol de categoría absoluta federados que existen no noso municipio disputarán o trofeo “Concello da Laracha” que se vai celebrar, como é tradicional, no día grande das festas patronais da capital municipal, isto é, o vindeiro sábado 15 de agosto.

O campo de fútbol Municipal acollerá un ano máis este torneo, que se disputará en modalidade triangular con tres partidos de corenta e cinco minutos de duración cada un.

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de deportes, Patricia Bello, e o técnico de deportes municipal, Miguel Barbeito, presentaron o evento aos representantes dos tres clubs: José Manuel Ceide “Canito” (presidente do Laracha C.F.), Carlos Garcóa (presidente da U.D. Paiosaco) e Francisco Suárez (directivo do Club do Mar de Caión).

Na xuntanza quedaron establecidas as quendas dos tres partidos, que quedarán do seguinte xeito:

– 18:00 h: Laracha C.F. – U.D. Paiosaco

– 19:00 h: Club do Mar de Caión – Laracha C.F.

– 20:00 h: U.D. Paiosaco – Club do Mar de Caión

A entrada ao campo de fútbol Municipal da Laracha será gratuíta para todas as persoas que desexen presenciar os encontros, que ademais do trofeo en xogo tamén servirán como preparación no desenvolvemento da pretemporada dos tres conxuntos.

Na campaña 2015-2016 o Laracha C.F. e a U.D. Paiosaco militarán na liga Preferente Galicia Norte e o Club do Mar de Caión competirá na Primeira Autonómica.

29 de xullo de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.