Lara Méndez augura que Besteiro sairá reforzado este sábado do Comité Nacional
A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, augurou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sairá “reforzado” do Comité Nacional dos socialistas galegos que se celebra este sábado en Santiago de Compostela. “Os militantes xa lle demos a confianza, a confianza séguea tendo e a confianza está depositada”, esgrimiu, en relación a Besteiro, imputado por catro delitos no marco do caso que investiga o convenio urbanístico de O Garañón.
Ademais, invocou o “código ético” do partido, segundo o que só se expulsarán do PSOE aqueles que senten no banco e non por unha imputación, como a que pesa agora sobre Besteiro, quen está citado a comparecer o 31 de xullo ante a xuíza Pilar de Lara.
“O código ético aplicámolo sempre, neses casos. Co cal mañá sairá reforzado o secretario xeral, coa confianza que xa depositamos no seu día na súa figura”, remarcou.
Lara Méndez considera que Besteiro “non debe de dimitir” e ampárase en que “o secretario xeral non ocupa ningún cargo público que podería habelo ocupado”. “O cargo de senador é de libre designación autonómica que era a praza que podía ocupar neste momento e non o fixo nun exercicio de responsabilidade e pensando no partido e no ben das institucións públicas”, relatou.
“É un acto que lle honra e por tanto pode ter plena dedicación ao partido que non é incompatible, que pode facelo e eu creo que debe seguir facéndoo”, resolveu.











