Lalín recibe unha axuda de máis de 18.000 euros para melloras na praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín acaba recibir 18.130,23 euros chegados dos fondos europeos do programa FEDER destinados á mellora de prazas de abastos e espazos do comercio non sedentario. A axuda destinarase á colocación dunha porta cortaventos na zona de escaleiras do mercado. O proxecto require dun  orzamento total de 25.900,33 euros, polo que a subvención cubre o 70% do investimento.

A aclimatación do recinto é unha das principais demandas que nos últimos anos viñan facendo os praceiros, debido ás malas condicións de frío e de humidade que o mercado sofre no inverno e que lle restan clientela aos postos. Coa instalación da nova cobertura agárdase que esta deficiencia quede na medida do posible solucionada e que axude, desta maneira, a unha maior concorrencia da clientela. 

O goberno municipal aposta firmemente pola praza da abastos como un dos focos principais da actividade comercial. Así o indicou o alcalde, Rafael Cuíña, quen explicou que dende o Concello “sempre lles imos dar aos comerciantes da praza as  máximas facilidades para cubrir as súas demandas e ímolos apoiar en todo o que queiran facer”. O novo goberno está mostrando un forte compromiso co comercio local, o cal se pretende dinamizar ao máximo. Deste xeito, aproveitando a situación privilexiada do mercado de abastos -preto dunha zona de aparcadoiro e dunha das principais rúas hostaleiras- o obxectivo é facer que no prazo aproximado dun ano, “a praza se converta nun dos centros neurálxicos e comerciais da vila”. 

24 de xullo de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.