Lalín homenaxea aos represaliados polo franquismo no Deza cunha placa no consistorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Colocación da placa conmemorativa

Colocación da placa conmemorativa

O goberno local colocou hoxe no consistorio a reprodución dunha placa en homenaxe aos asasinados polo franquismo durante a Guerra Civil e a posguerra no Deza. Ao acto asistiu o alcalde, Rafael Cuíña, o tenente alcalde, Nicolás González Casares, e outros membros do executivo. Así mesmo, estiveron presentes diversos representantes das asociacións culturais  Manuel Ferreiro e Siñor Afranio, así como numerosos veciños de Lalín.

 A prancha instalada hoxe é réplica dunha orixinal de bronce creada pola Sociedade Unión do Partido de Lalín no ano 1952 e que continua depositada nos locais da Federación de Sociedades Galegas en Bos Aires. Aínda que polo momento, no Castro Tecnolóxico lucirá a copia, a intención do goberno local e traer, nun futuro, a lámina orixinal de Arxentina para colocala no concello,  lugar  que para ela desexaron nos anos 50 os dezaos emigrados e exiliados.

A colocación da placa coa alegoría da república e o nome das 52 persoas asasinadas polo franquismo no Deza, é un xesto do goberno para contribuír á recuperación da memoria histórica e unha “xusta homenaxe para os dezaos mortos por defender a liberdade e un mundo mellor”, indicou o tenente alcalde e membro da Asociación Manuel Ferreiro, Nicolás González Casares.

No mesmo senso, asegurou que o acto de hoxe “é unha honra para o pobo de Lalín”, palabras que subscribiu Manuel Igrexas, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica Siñor Afranio. Igrexas considera un “un acto de xustiza” e un “orgullo para os lalinenses que despois de tantos anos a réplica estea no concello”, recalcando que a intención é traer a orixinal de regreso.

8 de xullo de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.