Lalín ampliará o orzamento destinado ao bono de transporte para universitarios
O concello de Lalín ten previsto incrementar a cantidade destinada aos bonos de transporte público para estudantes universitarios da UNED. O goberno municipal adoptou a decisión de destinar un maior orzamento a este sistema co obxectivo de beneficiar a máis alumnos e para propiciar o seu acceso a un maior número de titulacións. Ata o de agora ese bono estaba limitado a estudantes de Lalín que cursaban estudos a distancia e que precisaban desprazarse a centros asociados da UNED emprazados noutras localidades.
O incremento da partida destinada a este bono será posible despois de que o goberno local decidise resolver o convenio que existía entre o Concello e o Padroado do Centro Asociado da UNED en Pontevedra. O concello adopta esta decisión por mor da ínfima oferta académica da aula da UNED, así como o escaso número de alumnos matriculados.
En virtude dese acordo mantíñase operativa en Lalín unha Aula na que se impartía unha única titulación -a de Administración e Dirección de Empresas (ADE)- e na que este ano tan só estaban matriculados 13 alumnos repartidos en tres cursos. O Concello estaba a destinar máis de 50 mil euros a manter operativo este servizo, é dicir, case 4.000 euros por alumno.
Do aforro derivado da resolución do convenio coa UNED, unha parte -aínda por cuantificar- destinarase ao incremento das axudas para os bonos de transporte. A outra parte deste aforro servirá para aumentar as partidas do Concello dedicadas a políticas sociais, a gran prioridade para este mandato.











