Jorge Basanta marcha do Santiago Futsal e asina por Poio Pescamar FS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPoioSantiago de Compostela
A-
A+

Jorge Basanta (Viveiro, 1988) pon punto e aparte á súa etapa como técnico das categorías base do Santiago Futsal e asina polo Poio Pescamar FS de Primeira División Feminina. O técnico viveirense, que este ano conquistou o Campionato Galego de Liga Nacional co equipo xuvenil, marcha do Santiago Futsal tras 8 anos de experiencia no club, tanto de xogador como posteriormente de técnico das categorías inferiores.

Basanta chegou ao Santiago Futsal procedente do Porto Celeiro Viveiro FS da man de Santi Valladares, co que coincidíu na Selección Galega. Despois de formar parte do equipo filial do Santiago Futsal durante 3 temporadas, Jorge cambiou a figura de xogador pola de adestrador e fíxose cargo de diferentes equipos da base do club. A temporada pasada formou parte do corpo técnico do primeiro equipo realizando os labores do scouting, así como tamén adestrou ao conxunto filial e ao equipo xuvenil de categoría nacional, co que asinou unha excelente temporda ao acadar o título do Campionato Galego de Liga Nacional.

O viveirense abandona deste xeito o Santiago Futsal e será adestrador do Poio Pescamar FS a próxima temporada, do que tamén realizará os labores de coordinación das categorías inferiores. Jorge declarou que “marcho moi agradecido ao club e ao corpo técnico, sobre todo a Santi e a Mon, polo trato recibido durante estes 8 anos e por axudarme na miña formación. Voume do Santiago Futsal para seguir crecendo a nivel deportivo e coa esperanza de volver a este club nun futuro. Santiago Futsal sempre será a miña casa e seguirei formando parte desta familia malia a distancia. “

David Rial, que actualmente exercía de delegado do equipo xuvenil de división de Honra e adestrador do cadete de división Autonómica, ocupará o cargo de adestrador do conxunto filial do Santiago Futsal.

7 de xullo de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.