Iván Alonso e Emilio Merchán revalidan o título europeo de maratón en K-2

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Iván Alonso e Emilio Merchán

Iván Alonso e Emilio Merchán

Iván Alonso logrou revalidar xunto a Emilio Merchán o título de campión de Europa de maratón en K-2, mentres Ramón Ferro e Óscar Graña conquistaron a medalla de prata en C-2. Os padexeiros do Kaiak Tudense volveron ser protagonistas dunha competición internacional. Tono Campos e José Manuel Sánchez, tamén en C-2, finalizaron quintos cando aspiraban a algo máis.

Para Iván Alonso foi un día especial. Despois de ser segundo en K-1, afrontaba xunto a Emilio Merchán un gran desafío. Eran os favoritos e cumpriron con ese prognóstico, aínda que lles custou. Ao comezo da regata formouse un grupo de catro embarcacións que se distanciaron do resto. Aos poucos, Iván Alonso e Emilio Merchán iniciaron unha dura pugna con Adrián Boros e Laszlo Solti, os húngaros. Unha loita que se mantivo até a recta de chegada. Máis afastados colocáronse Álvaro Fernández Fiuza e Walter Bouzán, que terminaron terceiros.

A vitoria xogaríanlla os españois e os húngaros despois do último porteo. Iván Alonso e Emilio Merchán fixeron valer a súa fortaleza. Aplicaron a táctica que tantas veces lles deu bos resultados. Superaron aos seus rivais por forza física e tamén mental, demostrando un alto grao de concentración. Os húngaros rendéronse á evidencia. O triunfo foi incontestable.

Óscar Graña e Ramón Ferro, tamén do Kaiak Tudense, mantiveron as súas opcións de lograr o ouro até os 300 últimos metros. O seu particular duelo con Adán Dcoze e Marton Kuver, de Hungría, foi épico. Desde o cuarto porteo, do oito que constaba a proba, ambas as embarcacións superaron a todos os seus rivais. Unha mostra da súa enorme fortaleza. Algúns dos prexudicados foron Tono Campos e José Manuel Sánchez, que aguantaron o ritmo até a terceira volta. Ocuparon o quinto posto final.

A medalla de ouro xogouse tras o último xiro. Galegos e húngaros marcáronse, estudáronse e analizaron a táctica. Foi o momento clave. Os húngaros decidiron apostar forte. Pronto se comprobou que tanto Ramón Ferro como Óscar Graña non podían seguir o seu ritmo. Rendéronse. A diferenza de trinta segundos na meta é irreal. A igualdade  mantívose ata que os compoñentes do Kaiak Tudense decidiron entrar relaxados e así non arriscarse a ningún sobresalto. Aseguraron a medalla de prata.

O balance do Campionato de Europa de maratón deixa a Iván Alonso con dúas medallas, a de prata lograda o sábado en K-1 e a do domingo en K-2 xunto a Emilio Merchán. Tamén a prata que lograron Óscar Ferro e Ramón Graña en C-2. A actuación galega completouse coa medalla de prata de David Mosquera da Ría de Betanzos, en C-1. Manuel Garrido, do Kaiak Tudense, foi cuarto.

No Campionato de Europa de maratón tamén competiu Nuria Villacé, valisoletana da Ría de Betanzos. Fíxoo en K-2 feminino xunto a Estefanía Fernández. Terminaron na sexta posición.

5 de xullo de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.