Imelda May e León Benavente actúan este xoves en Santiago
Santiago de Compostela acolle este xoves, 23 de xullo, os concertos de Imelda May, na Praza da Quintana (22,00 horas); e de León Benavente, na Cidade da Cultura, no marco do ciclo Atardecer non Gaiás (21.00 horas). Ambos de entrada gratuíta. A irlandesa Imelda May, que actuará na Quintana tras Rockin’ Corsarios, é unha das revelacións da escena actual e presenta o seu último disco, ‘Tribal’, o cuarto da súa carreira, publicado en 2014.
Conta a irlandesa, que se atopa de xira este verán por España, que neste traballo quería mostrar o seu rock and roll e as súas “raíces punk”, “conseguir o mellor do estudo pero tamén do directo” e “capturar a emoción e o perigo que ten o rockabilly, captar o sentimento ao lado máis tolo e salvaxe”.
Pola súa banda, León Benavente volve a Santiago tras os seus últimos pasos pola Sala Capitol e a Zona C nos que tiveron gran acollida. Abraham Boba, natural de Vigo e líder da banda, estará acompañado por Luís Rodríguez, Eduardo Baos e César Verdú, que defenderán de novo en directo o seu disco homónimo co que conseguiron o recoñecemento de crítica e público.
Os catro membros de León Benavente coñecéronse traballando con Nacho Vegas e farán soar en directo temas como ‘Ser brigada’, ‘Ánimo, valiente’ ou ‘Todos contra todos’.











