Igualdade lanzará na Coruña un Pacto Social contra as Violencias Machistas

Rocío Fraga durante a reunión
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, mantén estes días xuntanzas, a primeira, cunha ducia de asociacións, entidades e colectivos de mulleres “para abrir canles de comunicación bidireccionais e planificar de forma conxunta o traballo do Concello neste eido, sempre desde a perspectiva da transversalidade”. Nas mesmas, a responsable municipal aproveitou para lanzar un Pacto Social pola Coruña Libre de Violencias Machistas, un proxecto no que xa se está a traballar e que culminará o seu primeiro estadio en novembro, coa elaboración dun documento marco ao que se poderán adherir todo tipo de entidades e que será o punto de partida para traballar durante todo o mandato. Tamén, os encontros están a servir para definir o Observatorio Municipal da Igualdade de Xénero e Diversidade, unha das propostas que se incluían no programa de goberno, cuxo deseño, segundo salientou Fraga, “nutrirase das propostas dos colectivos e entidades”.
Aos encontros están convidados colectivos e asociacións de mulleres e/ou feministas, co obxectivo de coñecer o traballo que veñen realizando e debullar posibles liñas de actuación e necesidades. A rolda de contactos continuará con asociacións e colectivos de mulleres vinculadas ao emprego. Como subliñan desde a concellería, “o empoderamento das mulleres, en moitos dos casos, vén vinculado coa súa empregabilidade para acadar una vida plenamente autónoma, polo que consideramos imprescindible achegarnos tamén aos colectivos que abordan este tema desde diferentes posición e sentalas xuntas, a falar e expoñer percepcións da situación e necesidades para mellorar a vida das mulleres a través do emprego”. Nas semanas vindeiras seguirán os contactos con outros colectivos, asociacións e entidades que traballan no ámbito das diversidades sexuais, as migracións e as diversidades funcionais.
“Son reunións moi enriquecedoras, sobre todo pola diversidade das entidades en interlocución”, salientou a concelleira, que tamén destacou a boa resposta das persoas participantes (vinte mulleres e un home, en representación de doce entidades) pola invitación á colaboración nun encontro que tamén serviu para recoller as principais demandas dos colectivos, como é a necesidade de espazos compartidos onde poder traballar de forma colaborativa. Desde o departamento municipal salientan a importancia de “poñer nun dos centros do taboleiro o empoderamento feminino, algo para o que é imprescindible favorecer a autoorganización de grupos feministas e de mulleres e favorecendo a interrelación entre eles e coa propia concellería, sen intervencionismo pero con total dispoñibilidade a axudar en conquerir tal efecto, de ser preciso”.











