IGMIG, Ele e Flamingods actuarán esta fin de semana no ‘Atardecer no Gaiás’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ponlle banda sonora á fin de semana con tres novas actuacións do ciclo ‘Atardecer no Gaiás’. Tras o éxito de asistencia da primeira semana, que reuniu na praza central da Cidade da Cultura a máis de mil persoas para escoitar ás bandas Puma Pumku, Amatria e The Lákazans; o ciclo retoma as actuacións este xoves, venres e sábado a partir das 21:00 horas.

Para comezar a fin de semana, a praza central do Gaiás recibe hoxe aos galegos IGMIG, trío musical que condensa a práctica heteroxénea dos seus compoñentes para realizar unha música ecléctica, fresca e totalmente inclasificable. Formado por Mig Seoane (voz e guitarra), Nacho Muñoz (voz e teclados) e Suso Feixón (batería), IGMIG presenta unha proposta que combina postpunk, funk, rock progresivo, electro, techno… aínda que tamén introducen elementos da música clásica do século XX como o serialismo e a improvisación.

As súas claves: letras que lembran o dadaísmo, unha posta en escena moi teatral, divertidas performances e unha forte interacción co público.

O venres, o Gaiás recibirá á cantante e compositora Elena Iturrieta, Ele, e os temas do seu primeiro disco ‘Summer Rain’, todo un tratado de folk con alma que rescata xéneros imperecedeiros como o soul e o rhythm & blues, revestidos de actualidade, dotados de vangardismo e impulsados cun levado de cara alternativo, urbano, elegante e empático con todos os públicos.

E o fin de festa chegará o sábado con Flamingods, banda con base en Reino Unido, formado en Barhein e fortemente influenciados pola música de danzas tribais e a cultura rave. Escollidos polo xornal británico The Guardian como unha das bandas do momento, The Flamingods ofrece sons trotamundos que nos transportan fóra do espazo e do tempo.

Último bus ás 22:45 horas

Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.

9 de xullo de 2015 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.