Gonzalo Sánchez e David Martínez achéganse á mínima nacional
Alcalá de Henares acolleu o Campionato de Madrid de atletismo, onde vimos a un Gonzalo Sánchez que continúa mellorando a súa marca persoal da tempada nos 100 metros, asinando 10.76 na final do hectómetro, a tan só dúas centésimas da mínima absoluta e sendo segundo; tamén competindo nos 200 metros con outro segundo posto e quedándose preto de baixar dos 22 segundos con 22.09. Outro Ximnástico que actuou en terras madrileñas foi Eduardo Gallardo que non puido baixar dos 49 segundos e con 49.05, foi segundo nos 400 metros. Por último Sergio García con 1.54.46 foi terceiro na final dos 800 metros.
En Mataró volveuse a ver unhas magníficas carreiras de 1.500 metros, un total de 3 series, con 8 atletas por baixo dos 3.40 e outros 24 atletas entre 3.40 e 3.50, entre os que estivo David Martínez que parou o crono en 3.46.77, a tan só dúas centésimas da mínima do nacional absoluto.
Por último na localidade británica de Loughborough, Julián Ortiz volveu sumar outra carreira de 110 metros valas, por baixo de 14 segundos, con 13.97, aínda que o excesivo vento a favor, invalidou dita marca para o ranking.
En Nerja e Ávila competiron os atletas da Sociedade Ximnástica
Achégase o Campionato de España e os atletas da Sociedade Ximnástica continúan competindo a gran nivel, preparando a cita de Castelló.
En Nerja celebrouse o andaluz absoluto coa presenza de tres atletas da Veterana Sociedade, Alberto Salcedo conseguiu a medalla de prata nos 200 metros, correndo as semifinais en 21.62 e a final en 21.52; Emilio Martín tivo que pelexar polas medallas nun apertado sprint nos últimos metros dos 5.000 metros e con 14:41.84, levou a medalla de prata. Lysvanys Pérez estivo moi ben na proba de salto de altura superando o listón sobre 2,10 metros, que lle deron a medalla de ouro; mentres que na proba de triplo salto, estivo moi preto dos 15 metros e con 14,98, colgouse o metal prateado.
No Gran Premio de Atletismo de Ávila, Mario Álvarez continúa pelexando por lograr a mínima para o nacional, con 7.09, como mellor salto, non chegou aos 7,40 que pide a RFEA, pero fixo unha brillante terceira posición. Tamén vimos reaparecer a Manuel Muíños, que se está recuperando dunha escordadura de nocello, gañando o salto de altura con 2,00 metros.











