publicidade hoxe

Formalízase a sinatura do contrato de “Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura -coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e de representantes da empresa- do contrato de “Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo”, que recaeu en Tevaseñal SA por un importe de 20.802,27 euros. A adxudicataria reduce en 25 días o prazo de subministro, amplía en 60 meses o prazo de garantía até os 120 e aumenta o número de unidades estipuladas para a sinalización por un valor sen custe adicional para o Concello de 7.883,15 euros.

O contrato inclúe a dotación de sinalización vertical coas seguintes características: os sinais deben estar realizados en aluminio formando un caixón pechado, selado e estanco para a auga; a parte dianteira estará rotulada segundo os criterios de sinalización turística da Xunta de Galicia e deseñados con acabado reflectinte; e os indicadores terán os extremos redondeados e na parte posterior integraranse raís que faciliten a fixación ao soporte mediante abrazadeiras. Respecto dos postes, tamén deberán estar realizados en aluminio e a parte superior deberá estar protexida con tapón de aluminio para asegurar a súa impermeabilidade. Respecto da aparencia, o perfil, dorso e abrazadeiras do módulo estarán lacadas en cor prata e o soporte estará lacado en cor negro. Os indicadores deben incorporar en zona visible o logotipo do Concello de Carballo na parte posterior, xunto cos logos que figuren en cada poste. O prazo máximo previsto para a execución (subministro e instalación) é de 30 días naturais, contados dende o día seguinte ao de sinatura do contrato.

14 de xullo de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.