Formalízase a nova mesa local de coordinación para a intervención en violencia de xénero en Cangas

Mesa Local de Violencia de Xénero de Cangas
Esta mañá tivo lugar a formalización da mesa local de coordinación para a intervención en violencia de xénero coa nova corporación. Á reunión acudiron varios integrantes desta: o alcalde, Xosé Manuel Pazos, o concelleiro de Servizos Sociais, Tomás Hermelo, as Forzas e Corpos de Seguridade: Garda Civil e Policía Local; o xefe de servizo do Centro de Saúde e a coordinadora do Centro de Información ás Mulleres.
A creación da mesa local de coordinación, no ano 2013, acorda un protocolo de actuación de cara a unha coordinación eficaz entre os diferentes servizos e áreas. Reúnense dúas veces ao ano co fin de coordinarse mellor entre os diferentes axentes que atenden mulleres vítimas de violencia de xénero para garantir unha intervención global, multidisciplinaria e integral.
Un dos temas prioritarios que consensuaron na mesa foi o tratamento e a prevención da violencia de xénero na mocidade e o seu uso das novas tecnoloxías, valorando a posibilidade de acción a través de xornadas formativas e de intervencións nos propios centros. Outros temas que se abordaron foron: afrontar medidas de mellorar no traballo entre áreas, acometer actuacións de cara a finais de verán e a valoración dos datos deste semestre. De feito, segundo datos da Subdelegación do Goberno de Pontevedra, hai 37 veciñas vítimas de violencia en seguimento. Porén, Hermelo recoñece que “é un problema moito máis global, os casos que se seguen son soamente a punto do iceberg”
Obxectivos e funcións
Os obxectivos que perseguen son coñecer e analizar a realidade das distintas formas de violencia contra as mulleres e a súa evolución, co fin de coñecer as necesidades existentes e os cambios rexistrados. Ademais, coordinar as institucións implicadas na prevención e na loita contra a violencia de xénero no ámbito local.
As funcións que desempeña a mesa consiste na optimización dos recursos, na coordinación dos servizos e atención multidisciplinaria das mulleres vítimas de violencia de xénero, na aprobación das propostas de actuación conxunta entre os servizos implicados na atención ás vítimas; e na avaliación dos informes anuais de seguimento da implantación destas medidas dentro de cada ámbito de actuación.











