Finalizan as obras que se executaron no centro de saúde do Milladoiro

Visita ao centro de saúde
Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, e a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, acompañados do contratista da obra e do arquitecto técnico que executou o proxecto, visitaron o centro de saúde do Milladoiro, para revisar o estado no que quedou esta instalación tralas obras que se realizaron tanto no exterior como na parte interior deste edificio. Ademais, os membros do goberno municipal, acompañados de varios doutores/as, estiveron visitando varios locais do centro de saúde, onde se realizan as consultas e outros traballos, para ver de primeira man as deficiencias existentes.
Esta semana remataron as obras de acondicionamento que estaban previstas realizar no centro de saúde do Milladoiro, para reparar a cuberta co obxectivo de eliminar as filtracións de auga e a humidade que se producían cando chovía. Ademais deste traballos executáronse obras no interior do edificio eliminando as gretas existentes e pintando as paredes. Tamén se acometeu o pintado das paredes exteriores do edificio. Os traballos que se realizaron tiveron un custo de 45.334,10 euros e foron asumidos ao cincuenta por cento entre o Concello e o Sergas.
O concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, destaca que “a maiores das obras que estaban previstas inicialmente, que eran as referentes á cuberta do edificio, executáronse traballos de pintado interiores e exteriores, así como outros traballos puntuais de acondicionamento do centro de saúde. Segundo nos informaron os técnicos nestes traballos empregáronse materiais de primeira calidade”.
Por outra banda, os membros do goberno municipal, acompañados de varios doutores/as, estiveron visitando varios locais do centro de saúde, onde se realizan as consultas e outros traballos, para ver de primeira man as deficiencias existentes.
O rexedor municipal, José Miñones, explica que “dende o Concello tratarase de darlle solución a estas deficiencias na medida do posible. Trátase dun centro antigo que vén acumulando este tipo de deficiencias dende hai anos. Agora, ademais de tratar de arranxar estes desperfectos, temos que tratar de chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para construír un centro de saúde novo que lle servizo a unha poboación de máis de 10.000 habitantes”.











