Ferrol e Narón agardan que Augas de Galicia remita un plan para avanzar cara un saneamento mancomunado
Os alcaldes de Ferrol e Narón, Jorge Suárez, e José Manuel Blanco, participaron hoxe en Compostela nunha reunión cos responsables de Augas de Galicia, ente adscrito a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. O ente autonómico comprometeuse a remitirlle os dous concellos un borrador de convenio para xestionar o saneamento cara a final de setembro. Este documento será discutido no pleno da Mancomunidade de municipios da ría.
Ambos rexedores, ao remate, coinciden en que foi unha xuntanza de traballo a que ambos acudiron en sintonía para tratar ed avanzar nas posicións que comparten os dous concellos no tema do saneamento e que pasa porque, Augas de Galicia participe tanto da depuradora como dos interceptores como xa acontece noutros municipios galegos tanto no asesoramento técnico como na xestión.
“Unha xestión mancomunada tanto na marxe norte como no sur da ría, naqueles aspectos que se poida, como no contrato eléctrico, vai xerar unha redución do custe que vai repercutir nunha menor taxa para a cidadanía que é o que nos interesa a todos”, manifestou Jorge Suárez.
Pola súa banda, o rexedor de Narón, José Manuel Blanco, destacou a importancia de que “a Xunta se centre en tomar decisións sobre un tema tan controvertido como o que nos ocupa”, ao tempo que amosou a súa confianza no feito de que a administración autonómica “aporte os medios necesarios para levar a cabo as accións abordadas nesta reunión”.
Así mesmo, Blanco recordou que o goberno local de Narón “sempre defendeu a necesidade de levar a cabo un proceso de licitación para a xestión tanto da depuradora como dos colectores do saneamento”.











